Produtos
Anterior
  • GIMP

    GIMP (GNU Image Manipulation Program) é un programa para a edición de gráficos bitmap empregado habitualmente para retoque fotográfico, composición ou creación de imaxes....

    Máis información
  • Pidgin

    Pidgin é un cliente de mensaxería instantánea multiprotocolo, o que quere dicir que funciona cos protocolos de mensaxería máis comunmente usados, incluíndo: Yahoo! Messenger, MSN Mes...

    Máis información
  • Thunderbird

    O Mozilla Thunderbird é un cliente de correo libre desenvolvido dentro do proxecto Mozilla.org. Inclúe lector de RSS, cliente de Usenet e filtro antispam, entre outras moitas ferramenta...

    Máis información
  • GONG

    GONG (Gestión para ONGs) é un aplicativo para a xestión de ONGs de cooperación, é dicir, enfocada para ONGDs ( "D" de desenvolvemento)....

    Máis información
  • Firefox

    O Mozilla Firefox é un navegador web gratuíto, multiplataforma e de código aberto.Xa está dispoñíbel en Galego. Firefox 3 é máis rápido, seguro e lixeiro ca nunca. Con máis de 15 000 ...

    Máis información
Anterior

  • Axudámosche
  • Para a comunidade
  • Empresas
RSS enviar por correo-e Imprimir

Linux para os cálculos máis esixentes

  • Grandes retos requiren grandes recursos e no mundo da supercomputación está claro que o software libre leva a vantaxe sobre todos os demais.O pasado 23 de xuño eran publicados os datos da famosa lista Top 500 de supercomputación coa que se poñía de manifesto esta afirmación. Dezanove dos vinte mellores supercomputadores do mundo utilizan sistemas operativos baseados en Linux. Se facemos extensíbel a afirmación á lista completa, Linux está presente no 88,6% (439 dos 500 supercomputadores) dos sistemas listados.

    O supercomputador máis potente do mundo, o Roadrunner de IBM en México, corre baixo Linux, o Marenostrum en Cataluña emprega Suse Linux ou, como exemplo máis próximo, o Finisterrae do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) en Santiago de Compostela tamén fai uso desta distribución (Suse Linux é unha das distros máis populares empregadas dentro dos sistemas operativos Linux referenciados na lista).

    Os datos desta xerarquía, nos que se publicita semestralmente cales son os supercomputadores máis potentes do mundo, veñen amosando nas súas últimas edicións que neste campo -xunto co, xa máis que gañado, ámbito dos servidores- Linux ten desbancado ao predominante sistema operativo Windows, que só acada aquí un 1% (5 dos 500 supercomputadores). Unha cifra que contrasta claramente cos datos de uso manexados no eido dos escritorios dos usuarios finais, onde o sistema operativo libre non consegue superar tampouco o 1% -segundo diferentes estudos baseados nas estatísticas de uso dos navegadores web.

    Aínda que a idea da vitoria de Linux sobre Windows nunha batalla en igualdade de condicións satisfaría probabelmente a moitas persoas do mundo informático, a realidade é que Linux non se impón na supercomputación por ter derrocado ao sistema do xigante Microsoft, senón por facelo ante Unix, o anterior sistema dominante. Noutras palabras, e aínda que a empresa norteamericana o estea intentando con Windows Server HPC Edition, non existe sistema operativo proposto pola compañía que permita un bo clustering.

    Pero por que Linux e o software libre se impoñen neste campo?

    A empresa IBM, anteriormente centrada na súa propia versión do sistema UNIX, AIX, cambiou radicalmente de rumbo no ano 2002 -coa construción do supercomputador BlueGene- dirixindo a súa proposta cara a Linux. O investigador Bill Pulleyblank da compañía explicaba este cambio nun artigo de ZDNet do seguinte xeito: “escollimos Linux porque é aberto e porque crimos que sería perfectamente escalábel para o tamaño de Blue Gene. Vimos grandes vantaxes en empregar un sistema operativo asistido pola comunidade de software libre, de xeito que puidésemos beneficiarnos das súas integracións e do traballo colaborativo”.

    Sen abandonar o mundo dos fabricantes, tamén José Emilio Permuy , director xeral de Silicon Graphics en España, afirmaba no ano 2003, en relación ao lanzamento do seus sistemas Altix 3000 baseados en Linux e Itanium 2, que se trataba dun fito no mundo de Linux e que contradicía as opinións daqueles que pensaban que “este sistema operativo non podía escalar e non era adecuado para o contorno da supercomputación”.

    Interpretacións similares aplícanse agora aos distintos programas que son empregados nun supercomputador para a consecución dos diferentes obxectivos científicos. No Centro de Supercomputación de Galicia, onde se atopa o Finisterrae, un dos supercomputadores máis potentes da Península, e onde case o 100% dos aplicativos usados neste son de código aberto tamén coinciden en apreciacións do mesmo estilo. Andrés Gómez, coordinador do Departamento de Aplicacións e Proxectos do Cesga, asegura que “os investigadores case sempre prefiren abrir os seus aplicativos por diferentes motivos: para que lles axuden a desenvolvelos, para poder ser máis citados e para facer máis sinxela a adaptación ás distintas arquitecturas”.

    En definitiva e, máis polo miúdo, coincídese frecuentemente en sinalar cinco factores como determinantes á hora de optar polas tecnoloxías libres no cálculo intensivo: transparencia; potencia, estabilidade e flexibilidade; aforro económico; independencia da plataforma; e respecto aos estándares.

    O criterio da transparencia entronca perfectamente coa tradición científica de facer públicos todos os procedementos de investigación. O director do Cesga, Javier García Tobio, apuntaba nunha ocasión que “a ciencia non sabe de fronteiras e que ten que estar dispoñíbel para todos os usuarios deste planeta”. A declaración non a facía referíndose ao uso do software libre, aínda que podería adaptarse perfectamente. Na produción científica e do coñecemento non deben existir trabas que coarten o seu avance. Maior liberdade produce mellores sistemas e isto sábeno perfectamente os que configuran supercomputadores e os que o usan.

    Empregar calquera outra alternativa propietaria suporía facer uso dunha ferramenta a modo de caixa negra, na que se meten certos datos para obter certos resultados, descoñecendo totalmente o proceso interno. Isto resulta contraproducente en calquera ámbito, pero especialmente no campo da investigación, posto que para acadar o máximo rendemento dunha máquina é preciso coñecer o seu funcionamento. Graficamente, poderiamos estabelecer un sinxelo símil co uso dunha calculadora na que se introduce unha operación, pero a cal podería ser executada tamén directamente cun lapis e un papel. Co software propietario o lapis e o papel están vedados.

    Outra gran vantaxe dos sistemas libres son a súas características técnicas. Habitualmente, estes son máis estábeis, seguros e flexíbeis, ademais de que conseguen acadar mellores resultados de rendemento. A este respecto o director do Centro de Supercomputación de Barcelona, Juan José Portas, comentaba nunhas declaracións que “os expertos do Centro consideran Linux como o paradigma do alto rendemento grazas á escalabilidade e a flexibilidade das solucións que ofrece”.

    En moitos casos un cálculo de grandes dimensións require a adaptación de diferentes compoñentes para poder optimizar o funcionamento de todo o conxunto (servidores, red, drivers...), e isto só o ofrece un aplicativo libre, sen necesidade de depender de terceiros (independencia da plataforma).

    Especial relevancia adquire nestes momentos de crise económica o feito do aforro que supón o uso de tecnoloxías libres. Polo regular, o software libre é gratis e non esixe o pagamento de licenzas, o que abarata, dalgún xeito, os orzamentos da supercomputación. Por iso, no Cesga “hai moi poucos aplicativos privativos de uso aberto para todos os usuarios (só Gaussian, Amber e Matlab) e ademais, aínda que algún usuario ten instalados aplicativos que mercan eles, a política do Centro é instalar sempre que sexa posíbel aplicativos de código aberto”, explica Andres Gómez.

    O futuro segue presentándose esperanzador para a tecnoloxía libre no campo da supercomputación, onde parece que a súa influencia continuará incrementándose. Pero chegarase a un punto no que o software privativo sexa erradicado deste campo? Andrés Gómez non o pensa así, “non creo que se erradique de xeito total, xa que hai moitos anos de traballo nalgúns aplicativos que non son doados de substituír -os aplicativos de cálculo científico poden ter unha vida útil de decenas de anos e tempos de desenvolvemento moitos máis anos-. Nos códigos técnicos seguirán convivindo, pero cada día a entrada do software aberto será máis forte”.

    Quizais o feito de que os científicos confien na tecnoloxía libre para temas tan importantes para a vida diaria debería ser suficiente para que o usuario comece a facelo tamén.

  • Venres, 16 de Outubro de 2009
Sindicación RSS Sindicación RSS: Novas