| A UE sitúa a Mancomún como centro pioneiro de interoperabilidade semántica no ámbito estatal |
|
|
|
| escrito por mancomun.org o Venres, 20 de Xuño do 2008 | |
|
SEMIC, o Centro de Europeo de Interoperabilidade Semántica, xorde como unha iniciativa da Unión Europea para abordar o gran reto da interoperabilidade semántica, é dicir, a capacidade de intercambio de datos e de comunicación entre as distintas administracións europeas preservando o significado dos datos. A nova plataforma foi presentada oficialmente pola Dirección Xeral de Informática da Comisión Europea (DIGIT) na conferencia “SEMIC Launch” que tivo lugar o pasado 17 de xuño en Bruxelas e na que se deron cita representantes dos principais proxectos europeos relacionados coa materia. O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, acudiu ao evento tras ser convidado pola IDABC como proxecto asociado, sendo o único do estado español. A delegación galega estivo conformada polo seu coordinador, Xesús Manuel Benítez Baleato, e a responsable de comunicación, Irene Touriño, que acudiron ao evento co obxecto de participar nunha sesión de traballo na que Mancomún era un dos panelistas seleccionados, consolidando así o interese que o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre galego está a espertar en Europa .
No caso concreto da plataforma SEMIC, Mancomún participa como proxecto asociado grazas aos avances acadados en materia de interoperabilidade semántica, motivo polo que a Unión Europea seleccionou a taxonomía de software empregada no repositorio galego (A Forxa) como único activo semántico achegado dende o Estado español. A achega de Mancomún pode ser consultada na propia web do SEMIC.
SEMIC, unha aposta europea pola interoperabilidade semántica O IDABC creou SEMIC co propósito de crear un punto de referencia para a interoperabilidade semántica en Europa. O proxecto ofrecerá servizos de asesoramento e de colaboración na investigación de sistemas e estruturas de interoperabilidade, e, o que é máis importante, creará un repositorio para o depósito e a descarga de activos de interoperabilidade, tales como os modelos de datos ou taxonomías. Segundo explicou o xefe de proxecto, Aldo Laudi, “SEMIC é fundamental para acadar os primeiros pasos cara a interoperabilidade semántica, xa que facilita o proceso polo cal o significado real dos contidos pode ser intercambiado, entendido e reutilizado”. SEMIC ten como obxectivo definir unha arquitectura de alto nivel necesaria para a prestación de servizos paneuropeos de administración electrónica. Estes enténdense como aqueles servizos públicos transfronteirizos subministrados aos cidadáns e ás empresas por administracións públicas comunitarias de calquera estrato por medio de redes telemáticas transeuropeas interoperables entre administracións públicas. A prestación, por tanto, dos servizos paneuropeos de administración electrónica é unha tarefa extremadamente complexa por razón da multiplicidade e da heteroxeneidade dos sistemas e organizacións que han de traballar xuntas. En Europa conviven centos de administracións en distintos estratos; non obstante, nesta idea radica o maior atractivo do fenómeno, ao garantir a autonomía das distintas administracións e o seu multilingüismo fronte a outros sistemas centralizados e xerárquicos.
A interoperabilidade semántica para a cidadanía Noutras palabras, a interoperabilidade semántica é a habilidade entre dous sistemas para establecer os mesmos significados entre táboas de datos que permitan ser intercambiables entre eles. Un exemplo práctico estableceríase cando unha persoa viaxa a ouro pais da Unión Europea e intenta mercar medicina polo seu nome comercial. As marcas difiren dun país a outro, de xeito que a tarefa faríase imposible de non existir unha composición química como elemento de semántica común en ambos lugares. O establecemento dunha administración electrónica paneuropea que beneficie a toda a cidadanía, facilitando a súa mobilidade por toda a xeografía europea sen precisar de trámites administrativos lentos e tediosos require de estruturas e linguaxes comúns baseadas na interoperabilidade semántica. Artigos relacionados |

















