| O PDF de Adobe xa é estándar ISO |
|
|
|
| escrito por mancomun.org o Xoves, 03 de Xullo do 2008 | |
|
O formato PDF (Portable Document Format) de Adobe xa é un estándar internacional recoñecido pola ISO co nome ISO-32000-1 . Este fito débese á decisión de Adobe Systems Incorporated, desenvolvedora e propietaria do copyright, de deixar que este formato pase ao control da organización ISO, quen publicará as especificacións da actual versión 1.7 e manterá actualizadas as das futuras versións. Segundo as palabras de Kevin Lynch, CTO de Adobe, “coa liberación das especificacións completas de PDF para a súa estandarización reforzamos o noso compromiso de apertura”. O secretario xeral da ISO, Alan Bryden comentou “Como un estándar ISO, nós podemos garantir que este formato útil e amplamente usado estará facilmente dispoñible para todos os interesados. O estándar beneficiará tanto aos desenvolvedores de software como aos usuarios ao promover a propagación dunha tecnoloxía común deseñada para ser interoperable e persistente no tempo.” Até o de agora o estándar PDF dispoñible era o PDF/A-1 baseado no PDF 1.4 de Adobe, que só especificaba com oempregar o formato PDF para a preservación de documentos electrónicos a longo prazo. O novo estándar ISO 32000-1, Document management – Portable document format – Part 1: PDF 1.7, está baseado na versión 1.7 desenvolvida por Adobe. Este estándar proporciona a información necesaria para os desenvolvedores de software de creación e/ou de lectura/visualización de ficheiros PDF. As futuras versións do formato publicaranse como subsecuentes partes do estándar polo subcomité ISO encargado do seu desenvolvemento e mantemento (SC 2, Application issues, of ISO technical committee ISO/TC 171, Document management applications). Fonte: ISO Artigos relacionados
|
















