| A Xunta aposta polo SwL como ferramenta estratéxica para a converxencia europea |
|
|
|
| escrito por mancomun.org o Venres, 24 de Novembro do 2006 | |
|
![]()
O goberno galego vén de participar no IST 2006, a manifestación máis relevante no campo das tecnoloxías da sociedade da información en Europa celebrada en Helsinki Co propósito de documentar ampliamente os procesos de converxencia europea no eido das tecnoloxías da información e dotar ás iniciativas de desenvolvemento tecnolóxico en Galiza do maior bagaxe posible, a Xunta vén de participar activamente na Conferencia IST 2006, celebrada en Helsinki entre os días 21 e 23 de novembro. A Conferencia IST 2006 é o maior evento en Europa sobre as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) celebrado pola Comisión Europea co fin de establecer un intercambio fluído e eficaz de información referente aos proxectos realizados entorno ás TIC. O Software Libre definiuse, ao longo deste encontro, como un dos elementos de maior potencialidade para a consecución dos obxectivos europeos. Baixo esta idea, a Xunta de Galicia participou no evento coa representación de Suso Baleato en calidade de asesor técnico. Segundo afirmou o propio Baleato, “era inescusable a presenza da Xunta, xustamente cando dende a Consellaría de Innovación en Industria se está a elaborar o Plano Estratéxico da Sociedade da Información 2007-2010 (PEGSI) e se está a traballar decididamente pola implantación dunha sociedade da información e do coñecemento baseada nos trazos culturais da nosa identidade”. A representación de Galicia no evento, entre máis de 4.500 delegados procedentes de todo o mundo, orientouse fundamentalmente á participación en obradoiros e sesións de traballo centradas no desenvolvemento sostible e na implantación das TIC dende o punto de vista da promoción industrial, especialmente das PEMES. “Galiza está nunha excelente posición para acelerar o proceso de converxencia cos indicadores europeos sobre desenvolvemento económico e social”, asegurou Suso Baleato. Na súa opinión, esta afirmación é posible grazas á “potencialidade propia de Galiza como rexión europea con carácter nacional”, pola “posibilidade de xerar contidos singulares e, consecuentemente, de maior eficacia para a consolidación dun tecido TIC endóxeno” e pola aposta que dende a Xunta se está a facer polo Software Libre como “ferramenta tecnolóxica estratéxica para a implantación da Sociedade da Información e do Coñecemento”. O delegado da Xunta no IST 2006 tamén mencionou a posta en marcha do 7º Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento da UE (7PM), dotada este ano con máis de 50.000 millóns de euros, como elemento fundamental e indispensable para poder afrontar todos estes retos. Dado que o inicio do 7PM coincidiu coa presente edición da conferencia IST, as distintas sesións de traballo e seminarios convertéronse nun foro aberto para o intercambio de opinións e ideas sobre como abordar os retos das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). Os proxectos galegos, grazas a participación do delegado galego, puideron comentarse en diversos talleres e seminarios vinculadas ao eido da Sociedade da Información, tanto na súa vertente social ("Researching Ethics of Information Technology in Tomorrow's Society", "Multidisciplinary v Interdisciplinary perspectives of ICTs for cultural heritage applications") como técnica ("The New Internet: IPv6 Drivers & Challenges - The European IPv6 Roadmap"), e da Promoción Industrial ("Computational Science: Ensuring competitiveness of European Industry & Society", "Think Small First! Supporting the Innovation Potential of SMEs throughICT &Better Integration in FP7" e "Finnish Information Society Strategy - P-P Partnership and Research as Key Enablers for e-services"). Artigos relacionados
|






















