|
Desde o teu cargo de Presidente de Hispalinux como ves á comunidade de Grupos de Usuarios de Linux (LUG) en Galicia? Pois facendo a función que teñen que facer. Hispalinux, se me apuras, é unha historia un pouco rara porque é moi grande e de ámbito nacional e os LUG realmente achéganse máis á realidade da comunidade e úneos a proximidade. Para que exista un LUG non é só que os membros se poidan conectar a través de internet, senón que poidan facer quedadas e accións. Cónstame que hai catro ou cinco grupos que teñen as actividades que teñen que ter. Sempre admirei coma os LUG galegos colleron o coñecemento global, localizárono e convertérono en feitos materiais. Cun gran éxito porque coñezo a moitos grupos locais e no caso de Galicia sempre están aí.
Como é a distribución das actividades dos LUG en España? Hai rexións máis activas? É todo un pouco igual? Temos que entender que o movemento do Software Libre en España empezou hai máis ou menos 15 anos e que houbo un momento no que se tivo que facer moita promoción. Foi desde o 98 ao 2002 cando houbo moitos grupos de usuarios, moitas actividades distintas e foi cando Hispalinux fixo os mellores congresos. Pero creo, e é verdade, que agora vivimos un momento máis ca de retroceso de normalidade onde o software libre xa é coñecido, onde non son necesarias tantas accións e que a xente que se dedicaba a isto ten unha postura menos belixerante e máis construtiva. Refírome a que están máis sosegados estes grupos. Eu creo que está ben e que teñen unha misión que é fundamental para a comunidade.
Cres que os LUG están a dar o paso de converterse en pequenas empresas e nun viveiro de profesionais? Non é que o crea é que estou convencido. Non coñezo un só LUG que non faga formación, que non termine por crear unha pequena empresa asociada, que non contribúa a acabar coa fenda dixital e que por suposto non cree ese viveiro. Ese compartir, ese dar soporte, esa estrutura modesta é algo que non existía e que se creou espontaneamente. A promoción e a formación no Software Libre non o facían nin as administracións nin as empresas. Fixérono os LUF.
Os problemas xurídicos do Software Libre O pasado 12 de outubro aprobouse a creación dun tribunal de patentes na Unión Europea (EPLA ). Cres que se poderán legalizar as patentes pola vía penal? Esa medida ten moita controversia e a xente que a promoveu é o lobby de Microsoft. No caso dun deles é avogado de patentes e probablemente cando deixe de ser deputado volva á súa oficina polo que cantos máis litixios mellor. No outro caso o seu marido ten unha oficina de avogados de patentes. E realmente é unha vía para abrir o control desde as administracións locais a unha institución europea que se escape do control democrático dos gobernos. Deste xeito por xurisprudencia poderíanse aprobar as patentes de software que o Parlamento Europeo rexeitou expresamente. Nós fixemos unha gran campaña para concienciar aos políticos de que podían estar a ser eclipsados.
Unha vez aprobada, que? Votouse o 12 e tamén se votaron todas as enmendas menos unha ou dúas polo que non é tan nociva. Non é que eliminemos o 100% dos riscos pero xa hai un aviso claro de que van ter un control parlamentario. Quedámosnos máis tranquilos de momento. Hai que deixarlles claro que non se vai a poder patentar de ningún xeito o software.
Outro tema candente é a recentemente declarada neutralidade do software por Jordi Sevilla. Desde Hispalinux xa vos declarastes en contra desta decisión. Abofé nós cremos que o software libre é algo progresista que está a propiciar un forte cambio na industria informática. E un empresario ou un particular pode ser neutral pero un goberno non pode selo igual que non o pode ser contra o fame ou a mala sanidade. Deben tomarse medidas para reequilibrar a educación ou a fenda dixital e aí non hai que ser neutral. O discurso das empresas de software privativo é que non se debe tomar partido. Suponse que o que están a dicir é que sempre se vai coller a mellor das opcións. Pero se ti colles a Jordi Sevilla, ás empresas, aos usuarios e a un xuíz ningún vai definir do mesmo xeito que é a neutralidade tecnolóxica. Polo que é un termo difuso e non debe ser empregado por ninguén. Só se consegue que nos enfademos co ministro porque non entendemos que sexa neutral co progreso.
Cres que malia este revés a administración española ten unha opinión positiva sobre o Software Libre? Por suposto. Nós pedimos cita a Jordi Sevilla e gustarianos sentarnos con el para que nos explique que significa que a administración non vai apoiar o Software Libre. Que é unha resposta que saíu nalgún titular pero tamén teño declaracións nas que afirma todo o contrario. Tamén teño declaracións do seu equipo mostrándose a favor ou do propio Tribunal de Contas queixándose de que o anterior ministro de administracións públicas realizara un dispendio non investindo en Software Libre. As declaracións de Jordi Sevilla se cadra están fóra de lugar porque apoiase moito máis ao Software Libre do que parece. O que seguramente dicía é que non vai obrigar a ninguén a usar o Software Libre por decreto. Sabemos que hai unha Proposición Non de Lei para promover o Software Libre que xa está depositada no congreso desenvolvida polo PSOE co visto bo de Facenda e Administracións públicas.
Ti es autor dun blog e dun libro de referencia sobre Software Libre (La Pastilla Roja que segundo nos comentou podería estar proximamente en galego), como é a túa experiencia como autor? Eran un libro e un blog moi necesarios coma referencia? O libro cando o sacamos no 2001 era absolutamente necesario. O que contamos no libro contámolo mil veces, persoa a persoa, político a político e empresa a empresa. Era necesario que alguén recompilase modestamente o traballo que se fixo. Non sei se é o mellor libro do mundo pero si tiña todo o necesario sobre Software Libre para entregarllo a políticos, empresarios ou á xente en xeral. Para rematar. Onde estamos en 10 anos? Nin idea. Pero o que sei é que non estaremos no ciclo onde estamos agora. Podemos pensar que a revolución do Software Libre non fixo máis que empezar ou o contrario pero eu non sei se seguirá crecendo o Software Libre, se atoparemos outros modelos. O que si sei é que será máis dinámico porque cada vez hai máis players, cada vez é máis dinámico e máis distribuído e as cousas xa non só se fan en Estados Unidos senón en Brasil, Venezuela, Asia... Todo isto fai que as cousas vaian dez veces máis rápidas. Polo tanto serán moi distintas.
Artigos relacionados
|