Menu Content/Inhalt
» Inicio arrow » Arquivo de novas arrow Entrevistas arrow Falamos co alcalde de Porriño, Raúl Francés
Falamos co alcalde de Porriño, Raúl Francés PDF Imprimir Correo-e
escrito por mancomun.org o Martes, 14 de Novembro do 2006
Mancomun.org entrevistou a Raúl Francés, alcalde do Porriño, concello que dará o seu apoio ás I Xornadas Galego-Lusófonas De Coñecemento e Software Libres organizadas por AGNIX e o Concello do Porriño. As xornadas celebraranse nesta vila pontevedresa que xa axudou a promover o código aberto patrocinando a LinuxParty 2006 organizada por GALPon o pasado mes de outubro.
 
Raúl Francés

Como xurdiu a colaboración entre AGNIX e o concello para levar a cabo as xornadas?
Hai xa tempo que AGNIX se presentou ao Concello co obxectivo de dar a coñecer o traballo que se estaba a realizar en Galiza para promover o Software Libre e as posibilidades que ofrece para a administración. Iniciamos entón unha colaboración bastante intensa e continuada: organizamos conxuntamente charlas nos institutos, conferencias, acollemos hai un mes a última Linux Party... E agora organizamos estas xornadas.

Por que se animaron a apoiar estas xornadas?
Apoiar o software libre é apoiar unha cultura libre e promover o uso da lingua galega nas novas aplicacións informáticas, en colaboración cos países lusófonos. Temos moito que aprender de Brasil, un país punteiro neste eido. A miña vontade e a do Concello é que as xornadas sirvan para avanzar na implantación do S. L. en Galiza.

Que destacaría do programa de actividades?
Penso que tanto os expertos na materia como aqueles que se acheguen por primeira vez ao software libre atoparán obradoiros e mesas redondas das que sacar moito proveito. Eu destacaría a mesa sobre lingua, e sobre as posibilidades que abre o S. L. na educación, na administración ou para as redes sociais.

Software Libre e administración local  

Cal é o grao de implantación do Software Libre no concello do Porriño? De que maneira esta tecnoloxía pode axudar ao Concello?
A implantación estase a facer de forma gradual. Practicamente todos os ordenadores empregan como navegador o Firefox, e o Thunderbird como cliente de correo. Tamén está bastante estendida a suite OpenOffice e algún terminal funciona exclusivamente en Linux, para así avaliar as dificultades que poidan xurdir no proceso de implantación. De cara á cidadanía, os ordenadores da Biblioteca Municipal funcionan tamén en Linux, o que está facendo que moitos mozos e mozas comecen a coñecer estas ferramentas.

Que necesitaría unha administración local como a de Porriño para implantar o Software Libre: persoal propio que xestione os sistemas informáticos, formación para os traballadores do concello, asesoramento externo...?
A administración local é sempre deficitaria en recursos económicos, materiais e humanos, polo que para unha implantación completa sería necesario a colaboración entre concellos e outras administracións para desenvolver conxuntamente as aplicacións necesarias, que logo cada concello podería adaptalo ás súas necesidades. A administración ten unha responsabilidade no uso dos seus recursos económicos. O diñeiro que actualmente se gasta en pagar licenzas pódese empregar en desenvolver ferramentas libres que ofrecer aos cidadáns e cidadás, librándoos así do emprego de software privativo, que implica o pago de licenzas ou abocalos a utilizar software “pirata”.

Está a administración local o suficientemente informada ao respecto do Software Libre?
Considero que a Consellería de Innovación e Industria da Xunta, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información está nos últimos tempos facendo un traballo moi importante para dar a coñecer ás administracións e á cidadanía en xeral as posibilidades do software libre. Creo que nos próximos anos vai vivir un crecemento exponencial. Plans xa en desenvolvemento como a formación de dinamizadores da sociedade da información e as axudas ás administracións locais para desenvolver portais de participación da cidadanía han dar os seus froitos.

O Porriño é unha das zonas máis industriais de Galiza. Na súa opinión as empresas do redor son conscientes da existencia do Software Libre?
O empresarial é outro dos campos básicos para a expansión do software libre, xunto ao educativo e a administración. Penso que o mundo empresarial non está suficientemente informado, non só no Porriño, senón en toda Galiza. É preciso amosarlle as vantaxes do uso do S. L. que pode supoñer en canto a aforro de custes, independenza tecnolóxica, e o que iso implica no incremento da produtividade.

De que maneira pensa que a administración debe acercar o Software Libre aos cidadáns?
Accións como as que estamos a desenvolver son importantes para achegar o software libre á cidadanía. Queda moito traballo por facer e todas as actuacións encamiñadas a dar a coñecer o S. L. e promover a súa difusión son positivas. O obxectivo último é que todos e todas teñamos acceso a unhas ferramentas básicas para a nosa inclusión na sociedade do coñecemento sen exclusións de ningún tipo.





ChuzaMeneameDel.icio.us!



 

Servizos Mancomun.org
Advertisement

Eventos

Abril 2008 Maio 2008 Xuño 2008
Lu Ma Xo Ve Do
      1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31  

Destacado en A Forxa

Recuperando estatísticas ...

Sindicación

Advertisement