| Entrevista Xornadas de Software Libre 06 na USC |
|
|
|
| escrito por mancomun.org o Luns, 09 de Outubro do 2006 | |
|
Diego Rodríguez, presidente de AULUSC , e Óscar Casal, tesoureiro de GLUG , fálannos das Xornadas de Software Libre na USC 06 celebradas o día 27 e 28 de setembro no Departamento de Electrónica e Computación da Facultade de Físicas da Universidade de Santiago de Compostela.
![]() Mancomún.org: ¿Un éxito de asistencia, non? (Nalgunhas das charlas había máis de 30 persoas completando o aforo total) Diego: Na miña opinión si. Óscar: A verdade é que moi ben. Moita máis xente da que esperábamos. D: Non sei ti o que esperabas. Pero eu contaba con que se había 15 persoas xa era bastante. Nunhas charlas tan técnicas e con tan pouca antelación…
M: ¿Contabades cun perfil máis de estudante, de LUG e quizais vos sorprendeu que viñese xente de concellos, de empresas? O: Si veu xente do concello de Santiago, de empresas de Vigo, que ao seren nun día polo medio da semana é máis difícil que veñan porque teñen que pedir o día libre. Nós as orientamos en principio a estudantes da Universidade pero estaba aberto a todo o mundo. D: Ao facelo no medio da semana é máis difícil para a xente que traballa. Pero eu estou moi contento en canto á asistencia.
M:¿Por que credes que vén xente de fóra da universidade a este tipo de actos? ¿É a única maneira de conseguir unha boa formación real en Software Libre? O: Non, eu creo que non. A xente non sabe do que vai. Veñen a saber que está pasando porque len en periódicos, revistas... Veñen a saber de que vai para ver se suben ao carro ou non. D: Dalgunha maneira é unha forma fácil de saber se interesa ou non. É un evento gratuíto entón poden estudar se lles interesa ou pasan do tema.
M: ¿Cales eran os eixos temáticos que vos propuxestes ao montar estas xornadas? D: En principio enfocado a redes en xeral. O: Buscabamos dúas cousas. Un evento onde puidesen participar todos os LUGs, algo moi necesario neste momento, e os LUGs responderon moi ben. Houbo participación de cada un deles, cousa que lles agradecemos. Sobre todo porque nós temos pouco tempo para organizar e coa colaboración de todos foi moito máis fácil. Por outro lado non queriamos facer a típica reunión de instalación que hai en todos lados. As xornadas celebrábanse na universidade e queríamos facer algo máis técnico. Algo que teña máis interese que a simple instalación. Hoxe en día a instalación de Linux é facer clikc, click... Darlle para diante e listo. O importante agora non é iso. D: Centrámonos na xente que xa sabe Linux pero non profundou para que vexa as capacidades. M: ¿Destacariades algún relatorio en particular polo seu contido ou outro aspecto? O: En resposta á xente que asistiu a de Wireless. Referente á asistencia. Houbo dous tipos de relatorios: uns eran máis teóricos como podían ser os do clúster. O que non implica que sexan menos interesantes. É difícil explicalo teoricamente e é máis fácil nun taller participativo pero non dispoñiamos de ordenadores para facelo neste evento. Á xente soltarlle teoría de clusters resúltalle un pouco duro. É máis fácil montar un clúster nunha ou dúas horas e ver que é. Eu salientaría wireless que é un tema no que todo o mundo está interesado. Non destacaría ningunha por riba doutra. D: Eu aprendín moito. Eu sería un prototipo de usuario.
Universidade e Software Libre
M: Os dous estades no Departamento de Electrónica da Facultade de Física. ¿Como vedes o uso do Software Libre na USC e nas outras universidades? D: En investigación, e vós que estades no Cesga sabédelo, un supercomputador non vai funcionar sobre Windows. Traballando en investigación Linux dáche unhas facilidades que Windows non soporta. Se traballas seguido con consola tes un acceso a todas partes por SSH. Nós, por exemplo a gran maioría usamos Linux. O: Eu son o administrador e desde que entrei sempre optei polo Software Libre. Xa o había porque os servidores contra os que lanzas as aplicacións non se poden reiniciar todos os días, nin cada tres días. Teñen que ter unha estabilidade. Na universidade eu creo que non está implantado porque non hai administradores. O Software Libre implica a necesidade dunha persoa que instale e que durante un certo tempo lle ensine ao usuario que ferramentas usar en determinado momento, realizar as substitucións etc... Iso é un proceso de educación igual que houbo un proceso de educación en Windows cos cursos gratuítos dos concellos e non sei que. Necesitase unha persoa que dea soporte e formación. Non falamos só de Linux senón de OpenOffice.org e doutras moitas aplicacións.
M:Por exemplo as aulas de informática de uso común para os alumnos que non son expertos en novas tecnoloxías están en Windows na USC. D: Estou seguro de que se eses equipos estivesen en Software Libre os que non teñen nin idea de informática saberían ao pouco tempo moverse co rato polas carpetas e saber onde está o navegador web. Agora mesmo os escritorios de Linux non teñen nada que envexarlle aos de Windows. Podes facelo todo a través de clicks. O: Se ti vas ás aulas de informática da USC hai cursos de Office. E deberían avogar polo OpenOffice. D: Eu creo que o que deberían dar é cursos de ofimática. O: A min o que me dixeron hai moitos anos é que hai que ensinarlle a un usuario a usar unha base de datos e un procesador de textos ou unha folla de cálculo. Non excel, nin word, nin oracle... Así se te vas a outro lado sempre vas poder saber usar un programa. Non simplemente darlle a un botón sen saber o que estás a facer. Quítanche o botón e xa non sabes.
M: Antes falabades de que existía un bo ambiente entre os LUGs. De feito estas xornadas nacen pola colaboración de dúas asociacións diferentes. ¿Foi fácil de coordinar? O: Eu son o tesoureiro de GLUG e el é o presidente de AULUSC. D: Hai moita xente de GLUG que está na universidade tamén. O: De feito GLUG naceu en físicas e AULUSC naceu no departamento de electrónica. D: Todos nos levamos ben e eso é o importante. O: Se tes o apoio de xente de diferentes asociacións coma GPUL ou GULO e outras que, por falta de tempo como Compostela Wireless que dan unhas charlas moi boas. Nós entendemos que a xente ten que traballar pero á hora que eles podían a nós polo medio da semana temos unha hora de peche. As próximas serán na fin de semana e queremos que participen. D: Do que se trata é de compartir coñecemento.
As asociacións
M: ¿Coma asociacións individuais cal é o voso obxectivo de base? D: O obxectivo de AULUSC é basicamente intentar implantar Linux, non vou dicir de maneira maioritaria, pero que polo menos se utilice máis Software Libre na universidade. E de feito case todas as nosas actividades están orientadas a alumnos da universidade. En particular paréceme un caso bastante grave que os alumnos de Escola Técnica Superior de Informática de Sistemas non utilicen máis ferramentas libres. Hai moitos casos nos que o profesor ten que escoller entre a ferramenta libre e a privativa e escolle a privativa porque é máis cómodo para el que xa a coñece.
M:¿Tivestedes conversas cos responsables tecnolóxicos da Universidade? D: Si.
M: ¿E que vos din? D: Que está ben. Que eles tamén queren. Dannos apoio non só coas aulas e estas charlas foron nunha aula da ETS ¿Poderían dar máis? Si, pero nese sentido van deixándonos sitio a ver se somos capaces de conseguir sitios onde realizar talleres prácticos que é onde máis se aprende. Que te solten un rollo é un coñazo moitas veces. O: Glug é un pouquiño máis vello que AULUSC. Naceu en física e está ligado a un entorno universitario pero dende un tempo a esta parte intenta desligarse un pouco da universidade e dalo a coñecer para fóra. Que a xente o probe. O que queríamos era ter sobre todo práctica que é o que a xente necesite. Eu creo que a xente cando a plantan diante dun programa privativo non lle explican que é o programa senón que lle explican como é. Dinlle “dalle a archivo, menu...” Cara onde imos é a crear talleres e que a xente vexa que non é difícil usar Software Libre. Non é máis complicado e que a xente perda o medo inicial a usalo. |

















