|
Durante a pasada ponte do Pilar celebrouse no Porriño a LinuxParty2006 organizada polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) coa colaboración de AGNIX e o Concello de Porriño. Esta party tiña o obxectivo de dar a coñecer o mundo do Software Libre e de compartir coñecemento. Falamos co presidente de GALPon Carlos Rodríguez que nos comentou o desenvolvemento das xornadas e das actividades da súa asociación.
Mancomun.org: Hoxe día de visitas, diferentes colexios, quizais o día de máis actividade? Carlos Rodríguez: Si quizais foi o día máis esgotador polo tema das visitas. Tíñamos a case 100 persoas entre uns que saían e outros que entraban. Toda a mañá bastante complicada. M:Unha das vosas visitas foi un grupo de alumnos dun ciclo superior de informática onde xa se parte dunha base pero en moitos casos os profesores dos institutos nin sequera saben que levan ver aos rapaces. C: Hoxe viñeron dous institutos e o nivel de coñecementos non era moi alto. O que se fai nese caso é darlles unha charla introdutoria do Software Libre. Pero a última por parte de Brenlla ao colexio Vivas foi a que máis profundou no tema, a que máis gustou. M:Ao final houbo un pequeno lío coa asistencia que tiñades prevista. Con canta asistencia contabades? Tiñades algunha cifra marcada ou non buscabades iso senón crear certas sinerxias e inquietudes? C: Nas previsións hai dous números. A previsión de asistentes totais ao evento e o número de participantes con ordenador. Cando diciamos 500 é contando visitas, xente que vén ás charlas e ás actividades. Non é o mesmo contar á xente que vén sen ordenador pero que quere ver o que facemos que contar á xente que se queda varios días, trae o seu ordenador e ten algún problema de instalación. Son dous números diferentes. Non é un evento comercial no que buscamos centos de persoas e xa está. Temos poucos sitios de ordenador e queriamos moita xente de visita que vise o que estabamos a facer. Nós non queremos encher isto por encher. M: A xente que vén son maioritariamente curiosos? C: Hai moita xente que vén para saber que é isto de Linux. Moita xente non sabe o que é un sistema operativo de Software Libre e buscan información. Veñen na visita preguntando “isto que é”, “como funciona”, para dialogar e para saber. A xente que máis ou menos coñece Linux vén co seu ordenador e vai a preguntas concretas: “como se configura isto" etc. M:Estas xornadas celébranse en instalacións do Concello do Porriño. Quen chamou a quen? A administración á asociación ou ao revés? C:Máis ben foi a intervención de AGNIX que quere levar a cabo unha actividade moi importante como son as xornadas galego-lusófonas aquí en Porriño no mes de novembro. Cando lle comentei o da LinuxParty aos de AGNIX dixéronme que xa tiñan falado o das xornadas e non habería ningún problema en habilitar un espazo. En efecto foi así e desde aquí todo o noso agradecemento ao Concello do Porriño. A actividade de AGNIX foi moi eficaz. M:A party busca para os usuarios xa iniciados algún fin en especial, algún eixo temático? C:O lóxico é facer actividades para todos os niveis: a xente que coñece Linux, a xente que programa para Linux e a xente que traballa con el. Un abanico de todo tipo de actividades. Desde instalación en GNU/Linux, ata programación en Mono que é moi equivalente ao .net de Microsoft, o KStars para ver as estrelas no firmamento. Outras de OpenOffice, outras de extensións de Mozilla Firefox e Thunderbird. Un pouco de todo, dende traballo ofimático ata programación, desenvolvemento... Unha party distinta M:Unha das mensaxes promocionais que puxestes na vosa web sobre a Party era que vos queriades desmarcar das partys onde se descargan contidos ilegais, se xoga en rede e non hai unha verdadeira promoción da informática. C:Esta party é un pouco diferente nese senso. Non estamos a buscar que a xente veña aquí a descargarse o que queira e xa está. O que queremos é que se comparta o coñecemento, buscamos facer grupos dialogando, debatendo sobre temas de interese. Non buscamos competicións de xogos, nin premios de miles de euros senón compartir o coñecemento da xente. M:Cales son os obxectivos de GALPon a medio prazo coma asociación? C:A asociación máis que formar a parte técnica nós ao que máis nos adicamos é a evanxelizar a explicarlle á xente a diferencia entre Software Libre e Software Privativo, charlas, conferencias, cursos... É dicir facer moitas actividades abertas á sociedade, non tan técnicas... Enfocadas ao profesional, ao usuario medio, ao iniciado... Sempre intentamos que sexa o máis aberto posible. É certo que hai algunhas actividades moi específicas como algunha charla que é moi técnica pero en xeral sempre tentamos ser didácticos. M:Unha das actividades que tedes programada é un curso de formación con Caixanova? Vedes que as institucións financeiras e as empresas empezan a interesarse polo tema? Pensades que os LUG podedes canalizar o Software Libre aparte de á sociedade en xeral aos grupos económicos en particular? C:O ideal é incentivar á empresa privada porque ao final é quen vai sustentar o negocio do Software Libre. E traballar a través de subvencións e o diñeiro público está ben ata certo punto pero a quen se debe incentivar é á empresa privada. Cando xurdiu esta posibilidade gustounos moito. Iso si, estamos a mercede do que eles queiran. Quen vai organizar os temas informáticos son eles e nós iríamos a complementar as súas actividades. Polo menos estar alí e que saiban que poden contar con nós. M:En Pontevedra está Vigo que é o gran centro industrial e económico de Galicia. Ti como cres que se debería achegar ao Software Libre a aquelas empresas que lles dá igual ter un Linux que un Windows e que o único que queren é ter unha solución que lles funcione? C:Esa é a pregunta do millón. Non é facil e o noso traballo tamén está dirixido á xente técnica que é a que lle preguntan “oe pódesme instalarme isto”. Tentamos chegar a esa xente con coñecementos técnicos. E unha vez que saiban que hai ferramentas técnicas que o poden facer mellor que o privativo eles poden instalar e chegar á peme e aos centros de ensino. Todo o mundo ten algún amigo ou amiga que lle gusta o tema de informática pois chegar a eles sería fantástico para chegar a cada individuo. Penso que case todo o mundo instala o seu software porque ten un amigo que lle di que funciona ben para chegar calquera. |