Menu Content/Inhalt
» Inicio arrow » Arquivo de novas arrow Entrevistas arrow Entrevista co vicepresidente de GNOME Hispano e un dos creadores de Linex Álvaro Del Castillo
Entrevista co vicepresidente de GNOME Hispano e un dos creadores de Linex Álvaro Del Castillo PDF Imprimir Correo-e
escrito por mancomun.org o Martes, 31 de Outubro do 2006
Mancomun.org entrevista a Álvaro Del Castillo. Álvaro é vicepresidente de GNOME Hispano ademais de traballar coordinando proxectos de Software Libre para a Universidad Rey Juan Carlos da que foi profesor asociado durante tres anos. Del Castillo tamén traballou en Andago onde foi un dos principais responsables de desenvolvemento do proxecto Linex que se converteu nunha referencia no Software Libre español.

Vicepresidente de GNOME, hispano, sabía que o escritorio de GNOME é o único traducido ao 100% ao galego?
Non, non o sabía. Sei que o estaban traducindo pero non ao 100%.

En que estás a traballar para GNOME?

Estou a traballar nunha aplicación que se chama Planner que é un planificador de proxectos, do tempo das tarefas e os recursos. Levo 4 anos máis ou menos traballando niso. Tamén estou cun programa que se chama Gspot para a xestión integral de fotografías.

Álvaro MartínezCales son os puntos fortes de GNOME e cales os débiles?
O principal punto forte é que a comunidade de usuarios e desenvolvedores GNOME está orientada a un escritorio sinxelo. Inténtase eliminar todas aquelas opcións que non sexan útiles para o usuario e simplificar a o escritorio para rebaixar o nivel de entrada para o seu uso. Eu creo que ese é o seu principal punto forte. Sobre os puntos débiles por esa mesma filosofía perdéronse algúns desenvolvedores que buscaban un escritorio máis potente con máis funcionalidades pero tamén máis complexos. En certo momento houbo que tomar unha decisión e houbo xente que abandonou o proxecto. Esa decisión tomouse hai uns catro anos pero eu creo que GNOME está en bastante bo estado de saúde.

Unha das preocupacións de GNOME sempre foi a accesibilidade. É para vós unha liña prioritaria?
Realmente en GNOME sempre se traballou moito a accesibilidade grazas á empresa SUN que como necesitaba ter garantías de accesibilidade para afrontar proxectos en Estados Unidos necesitaba que o escritorio fose totalmente accesible. Desenvolveron todas as pezas necesarias no escritorio para facelo accesible co que se creou unha cultura en GNOME a favor da accesibilidade. Por iso todas as aplicacións, as guías de desenvolvemento e as guías de estilo buscan sempre isto.

Sabes que hai certa polémica entre GNOME e KDE ¿Como a valoras?
Eu creo que é unha polémica que está bastante fóra do conxunto de desenvolvedores tanto de GNOME como de KDE. De feito hai unha relación bastante cordial e aparte disto hai proxectos como FreeDesktop que están a intentar crear tecnoloxías comúns e unha infraestrutura de escritorios compartidas por GNOME e KDE. Seguimos a colaborar aínda que cada un conserve o seu espírito: un buscando a sinxeleza e o outro a potencia e a variedade de funcionalidades. Cada un deles ten a súa comunidade de usuarios e no futuro serán dúas solucións á hora de empregar un escritorio.

 

Universidade e Software Libre 

Agora mesmo estás a traballar para a Universidad Rey Juan Carlos...
Eu ata hai dous meses traballaba para a empresa Andago que leva temas de integración e desenvolvemento de solucións e aplicacións en Software Libre. Tamén fun profesor asociado na Universidad Rey Juan Carlos durante máis de tres anos. Despois xurdiu o grupo Libresoft dentro do grupo GSIC da Universidad Rey Juan Carlos que evolucionou para desenvolver proxectos europeos sobre todo de temas de Software Libre.

Cada vez os proxectos son maiores e a día de hoxe estase a traballar en catro grandes proxectos na Unión Europea en materias coma calidade no Software Libre, analizar a evolución e funcionamento deste software, crear un repositorio europeo de Software Libre ou forxa, e o cuarto é Qualipso que pretende formar unha plataforma de calidade para o Software Libre. Vanse crear Centros de Calidade Linux que van estar en cidades europeas coma Madrid ou París co que se pretende crear redes para xerar confianza ao redor do Software Libre para que as empresas que o vexan poidan ver que está protexido e ten calidade.

Eu axudo na execución e coordinación destes temas. Estes proxectos levarán tres anos e permitíronnos crear unha rede de relacións e coñecemento con universidades europeas que son moi proveitosas.

Desde o teu punto de vista como parte da comunidade universitaria... está a universidade en España a apostar polo Software Libre á velocidade que debería?
Eu creo que se está a apostar menos do que se debería porque o Software Libre abre unhas oportunidades de coñecemento importantes. Permíteche ter unha fonte de información infinita e para os desenvolvedores hai unha grande fonte de formación con experiencias reais que ocorreron e están a ocorrer en contextos internacionais con xente con moita experiencia. Creo que iso se está a desaproveitar.

Fai falla quizais unha nova xeración de profesores que cheguen coa cultura do Software Libre igual que está a pasar nas empresas. Chegará un momento no que a universidade será o foco principal do Software Libre xa que os alumnos iranse formando nesta tecnoloxía, despois chegarán ás empresas e terano como bandeira.

Pero a día de hoxe está a custar a implantación do Software Libre nas universidades tamén porque é unha institución onde as cousas pasan co seu tempo. A universidade ten uns ritmos e é difícil acelerar as cousas. Hai universidades como a Rei Juan Carlos que si teñen o seu grupo pero que se formou porque hai un grupo de profesores moi interesados no Software Libre. Eles transmitiron o seu interese, creáronse laboratorios de Software Libre e iso facilitou que alí se acelerase o seu uso. E noutras universidades eu vou vendo que, por exemplo, nas Palmas de Gran Canaria ou en Estremadura cada vez estanse a migrar máis os laboratorios a sistemas abertos pero creo que levará o seu tempo.

E á Unión Europea, vela decidida?

Eu na Unión Europea si o vin moi claro. No tempo que levo no meu novo posto vendo as diferentes políticas europeas, os proxectos que financiou, os que está a financiar coma os do noso grupo e os que están previstos de aprobación dentro do VII Programa Marco vese que se está a apostar polo SW Libre porque se deron conta de que en Europa hai máis desenvolvedores ca en Estados Unidos e entón podemos liderar esta revolución. Deixaremos así de ser consumidores de software con gran dependencia de Estados Unidos a pasar a ter a nosa propia liña de desenvolvemento,os nosos propios obxectivos sen depender tanto do que se decida noutros sitios.

Linex

 

Quería preguntarche pola túa participación en Linex, o proxecto que quizais mellor funcionou en España
Si é un produto que demostrou moi ben que o Software Libre realmente funciona. O proxecto xurdiu ao redor do 2000 e foi unha decisión do goberno de Estremadura onde se estaba a promover a revolución tecnolóxica. Empezaron creando unha intranet que cubría toda Estremadura cunha rede que daba acceso a todos os pobos de Estremadura pero querían acompañar esta revolución con presenza nos colexios para o que querían poñer un ordenador para cada dous alumnos. Conseguiron partidas económicas para financiar todo iso e cando xa tiñan todos os ordenadores comprados déronse conta de que non tiñan diñeiro para as licenzas de Windows. Basicamente todo o esforzo que fixeran para poder informatizar as escolas estaba en período de poderse executar por este motivo. Buscaron alternativas e viron que podía ser o Software Libre e Linux.

Apostaron por el para ver se podía ser a solución que querían. Naquel momento viron que o Software Libre estaba un pouco verde para ser despregado en todas as escolas pero non facía falla que estivese nese momento maduro senón que facía falta que tivese un grado de madurez para que as persoas que tivesen a decisión na súa man puidesen ver se podía resolver o problema.

 Como chegou o encargo a Andago?

Por aquel momento Andago estaba traballando coa Junta de Extremadura e chegou a petición para realizar unha distribución de escritorio para os colexios. Nese momento era bastante novidoso porque non se facían distribucións con escritorio pensando no usuario final unha distribución que se instalase sen facer preguntas. Que instalase por defecto, neste caso Debian con GNOME pero sen facer ningunha pregunta, sen seleccionar nin paquetes nin particións no disco duro. Collías o CD e instalábacho. Algo que xa se está a facer pero que por entón era bastante novidoso que che instalase unha distribución de escritorio sen facerche preguntas.Linex

Finalmente como se resolveu a experiencia?
A experiencia foi bastante positiva. As primeiras versións tiveron bastantes problemas técnicos que fomos limando e traballamos nela ata a versión de Linex 2.0. Esa versión non chegou a despregarse por todos os colexios senón que serviu de semente para a propia xente da Junta quen foi desenvolvendo as seguintes versións. Houbo dous profesores, José Luís Ruidruejo e Antonio Illán, que colleron o liderado do proxecto e que desenvolveron a seguinte versión, o Linex 3.0 baseada en Debian Woody cunha versión de GNOME 2 bastante máis utilizable e esta versión xa se chegou a despregar polos colexios con bastante éxito.

Que dificultades sufriu o proxecto?
Tiveron problemas de rexeitamento por parte do profesorado, problemática co hardware porque certas partes do hardware non funcionaban algúns dispositivos que se foron salvando e demostrou que o Software Libre, cun pouco de esforzo, pódese utilizar a ese nivel de despregue que foi a miles de postos de traballos nos colexios. A día de hoxe non só está funcionando nas escolas senón que se está expandindo a máis partes da Junta de Extremadura. As versións de Linex cada vez son máis estables e completas e xa non hai eses problemas técnicos que se solventaron ao principio e a plataforma vai sendo cada vez máis e máis estable, produtiva e intégrase con máis produtos polo que se pode sacar máis partido ao software libre.





ChuzaMeneameDel.icio.us!

Artigos relacionados




Servizos Mancomun.org

Eventos

Agosto 2008 Setembro 2008 Outubro 2008
Lu Ma Xo Ve Do
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28
29 30          

Destacado en A Forxa

Recuperando estatísticas ...
Advertisement