2.71
734
En 10 días dará comezo a III Libre Software World Conference na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
A Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, está a facer un gran esforzo para que conseguir que esta conferencia sexa un gran fito dentro dos eventos de Software Libre con carácter empresarial, e que este éxito sexa así para todo o ecosistema do Software Libre galego, empresas, voluntariado, educación, cidadanía, administración pública ... Un dos obxectivos é que este foro serva para amosar o traballo, o coñecemento e a potencialidade dos distintos actores do Software Libre en Galicia.
Máis de 300 persoas teñen xa feita a súa inscrición para asistir a este evento de carácter internacional, onde terán a oportunidade de coñecer experiencias, proxectos, avances, casos concretos, foros de discusión ... relacionados coas tecnoloxías do software libre pero tamén coa compoñente social e colaborativa do mesmo.
Dada a boa acollida de público que está a ter o evento, a organización decidiu ampliar uns días máis o prazo de inscrición para que ninguén quede fóra. Así ata o vindeiro día 12 de outubro é posible inscribirse para asistir á LSWC-12. A asistencia é totalmente gratuíta, só é preciso inscribirse a través da web aos efectos de control do aforo e dimensionamento dos diferentes espazos.
[Ler máis]
2.71
520
O Proxecto Trasno organiza para o vindeiro sábado día 13 de outubro unha nova edición do encontro periódico dirixido a reunir aos tradutores de software libre ao galego, que xa fai a súa quinta edición: a Trasnada 12.1, que é a segunda reunión deste ano 2012.
Nesta ocasión é a cidade de Pontevedra, no seu Pazo da Cultura, a que acolle aos trasnegos na súa xeira galega de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Estas reunións permítenlles axilizar e consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan por medio da súa lista de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre e fixala. Pontevedra toma pois o relevo ás sedes das anteriores edicións celebradas en Coruña, Vigo, Ourense e Ordes.
Grazas a estas reunións presenciais teñen xa acadado o consenso da tradución ao galego de preto de 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías (30 novos termos na Trasnada 12.0, máis de 50 acordos na Trasnada 11.1, 80 acordos na Trasnada 11.0 e 20 termos na Trasnada 10). Ademais tamén se acordaron traducións comúns para varias frases arquetipo moi empregadas na tradución.
Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprométense a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan.
Dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa.
[Ler máis]
2.38
602 O pasado mércores 26 de setembro publicouse a nova versión da aplicación gvSIG Desktop 1.12 cun marcado sabor galego, xa que Galicia tivo moito que dicir tanto no desenvolvemento como na súa publicación.
gvSIG Desktop é un Sistema de Información Xeográfica, unha aplicación de escritorio para capturar, almacenar, manipular, analizar información xeograficamente referenciada co obxectivo de resolver problemas complexos de planificación e xestión. gvSIG é un proxecto impulsado inicialmente pola Conselleria de Infraestruturas e Transportes da Generalitat Valenciana pero que actualmente é dirixido pola asociación gvSIG, na que Galicia ten unha presenza importante.
Esta nova versión é froito de moitos meses de traballo, nos que a administración pública galega, representada tanto pola Xunta de Galicia a través do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, como pola Deputación de Pontevedra, tivo un papel singular grazas á aposta realizada no 2010 para o desenvolvemento do gvSIG-EIEL, do que a versión actual herda parte das funcionalidades e melloras implementadas entón.
Como pode verse no anuncio da nova versión, unha gran parte do desenvolvemento e financiamento desta nova versión proveñen da nosa terra. Así a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra financiaron as melloras no driver PostGIS e na visualización dos mapas, mentres que o traballo de publicación da versión, incluíndo a integración dos cambios, as probas así como o desenvolvemento de algunhas das funcionalidades recaeu principalmente no laboratorio Cartolab e na empresa galega Icarto coa axuda por suposto de outros membros da asociación gvSIG.
[Ler máis]
1.95
503
A Oficina de Software Libre a través do CIXUG anuncia que comezan as visitas da OSL a distintos centros das tres universidades galegas.
Un dos principais obxectivos que perseguen as distintas actividades que a OSL do CIXUG realizará ao longo deste ano é a difusión de software libre entre os membros da comunidade universitaria. Para acadar este obxectivo celebrarán diversas xornadas de software libre, como a Xornada de Software Libre e Empresa celebrada o pasado 21 de setembro, na Escola Técnica Superior de Enxeñería na que arredor de 20 persoas congregáronse para debater sobre as oportunidades e perspectivas laborais do Software Libre de forma moi participativa nas diversas mesas redondas.
A outra actividade importante que realizarán dende o punto de vista da difusión é a OSL móbil ou os Puntos de Información nas Facultades (ou centros) das tres universidades galegas. Esta actividade, a diferencia das xornadas, é unha actividade de temática xeral sobre software libre, estándares abertos e licenzas libres.
Durante unha xornada completa, dende as 10:00 horas da mañá ata as 18:00 horas da tarde, os técnicos da OSL estarán dispoñibles nun espazo concreto dentro do centro escollido, cun mostrador dende o que se repartirán trípticos informativos sobre varios temas relacionados co software libre, e o máis importante, estarán dispoñibles para asesorar sobre calquera aspecto do Software Libre a todas as persoas que se acheguen a preguntar e ata se lles pode axudar na instalación de software libre nos seus portátiles se así llo solicitan.
Así a próxima semana comezarán estas Puntos de Información coa visita a dous centros da Universidade da Coruña.
A continuación detállanse as visitas programadas:
[Ler máis]