2.33
232
Segundo informa a propia Sdweb - Solucións Dixitais, o Drupal Executive Meetup chega á súa terceira edición que se celebrará o xoves 11 e venres 12 de abril na cidade de Cornellà.
Este encontro reúne ás principais empresas europeas cun alto nivel de especialización no desenvolvemento de aplicacións e módulos no CMS ou xestor de contidos Drupal.
Trátase dun evento centrado en artellar a rede europea de desenvolvedores da comunidade Drupal, é dicir, un encontro anual para establecer sinerxías entre aquelas empresas e profesionais que participan activamente neste comunidade aportando e desenvolvendo código fonte.
Os responsables da empresa Sdweb – Solucións Dixitais destacan o espírito colaborativo da iniciativa e o seu alcance europeo “A filosofía do encontro é totalmente colaborativa con reunións permanentes o que facilita establecer moitas liñas de traballo en conxunto con outras empresas europeas fortemente especializadas en Drupal e poder presentar a nosa oferta a proxectos máis grandes así como a desenvolver productos e servizos especializados”.
[Ler máis]
2.93
341 Coincidindo coa presentación do Plan de Software Libre para o ano 2013 o pasado luns 8 de abril, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OISMGA) publicou os informes sobre o nivel de implantación do “Software Libre nas pequenas e medianas empresas de Galicia” e do “Software Libre nas empresas informáticas de Galicia” correspondentes ao ano 2012.
Un dos principais obxectivos desta análise ademais de comprobar a evolución da oferta e da demanda de solucións libres nas empresas de Galicia, é detectar cales son as necesidades das empresas neste eido a fin de aliñar as actuacións que a administración pública inclúe no Plan de acción en materia de Software Libre dirixidas ao ámbito empresarial co obxectivo de incrementar a eficiencia e produtividade do sector grazas ás TIC e particularmente ao Software Libre.
Uso do software libre nas empresas galegas
Os resultados obtidos nos estudos demostran que a tendencia no uso do software libre continúa a ser moi positiva tanto nas empresas informáticas como nas do resto de sectores produtivos.

Un 82% das empresas informáticas de Galicia utiliza solucións tecnolóxicas libres nos seus equipos. Un 73,9% das empresas do resto de sectores produtivos, de 10 a 249 empregados, que non son persoas físicas, empregan Software Libre o que supón que o grao de penetración nestas empresas alcanza xa un nivel case parello ao das empresas informáticas.
Podemos dicir de forma global que aproximadamente oito de cada dez empresas galegas empregan Software Libre nos seus equipos.
[Ler máis]
2.79
259 A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de solicitarlle a Google a tradución ao galego do sistema operativo Android. Con esta iniciativa, que contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, búscase que este sistema operativo, baseado en software libre, estea dispoñible en galego para todos a cidadanía, independentemente do terminal que empreguen.
Así o explicou esta mañá a directora da Amtega, durante a presentación do Plan de Software Libre 2013 da Xunta, que conta cun investimento de 923.000 euros para o desenvolvemento de 120 actuacións para impulsar o uso software libre en Galicia.
Mantendo a senda iniciada en 2010, este Plan desenvolverase en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), as empresas do sector (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG, que integra as tres universidades) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
[Ler máis]
2.15
558
A finais de 2012, un de cada catro provedores (23,40%) rexistrados no MapaTIC.gal ofrecía os seus servizos en torno a tecnoloxías libres, mentres que o 22,30% dos servizos e produtos rexistrados eran software libre.
A pesar destes datos, que amosan que en Galicia existe unha boa oferta en torno ás tecnoloxías libres, unha das necesidades detectadas nos estudos do uso de Software Libre nas empresas elaborados anualmente polo OSIMGA, é que exista falta de información sobre os produtos e provedores de software libre.
Co obxectivo de favorecer a visibilidade destas solucións TIC con licenza libre, a AMTEGA a través do portal Mancomún, que recolle as iniciativas de software libre en Galicia, publica o catálogo de produtos, servizos e provedores de Software Libre de Galicia.
[Ler máis]
2.35
460 Hoxe, último mércores do mes de marzo, celébrase internacionalmente o Día da liberdade dos Documentos (DFD).

O obxectivo deste día é chamar a atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos.
O parlamento europeo, adica tamén o día de hoxe a debater sobre a importancia dos estándares abertos, a través de dous paneis de debate, o primeiro sobre portabilidade e privacidade dos datos no sector da e-saúde, e un segundo sobre os estándares abertos en infraestruturas dixitais críticas. Karsten Gerloff o presidente da Free Software Foundation Europe abre a conferencia a partir das 10:00 da mañá.
Esta conferencia é pública e pode seguirse en directo.
Ademais, para os que non poidan seguila en directo, unha vez remate, estará dispoñible tamén no seguinte enderezo: http://www.greenmediabox.eu/archive/2013/03/27/3rd-document-freedom-day-in-the-european-parliament
Os estándares abertos garanten a liberdade de acceso aos nosos datos e aos nosos documentos así como a liberdade para que calquera poida desenvolver programas capaces de ler e escribir estes datos agora e no futuro. O uso de estándares abertos xera documentos libres. O uso de estándares pechados xera documentos cautivos dun software ou compañía determinados. O autor dos documentos non pode escoller como traballar con eles, xa que depende das restricións técnicas que a compañía lle impón.
[Ler máis]
2.47
391
Un ano máis, GPUL comeza a organizar unha nova edición das Xornadas Libres, que van xa pola súa XII edición.
Para os que aínda non o saiban, estas xornadas caracterízanse por contar cunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software libre, do hardware libre, os estándares abertos, as licenzas, e a cultura libre en xeral.
As XII Xornadas Libres, dirixidas a todos os públicos con interese no mundo libre, celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña do 22 ao 26 de abril de 2013.
Dende GPUL abriron o prazo para remitir propostas de charlas ou actividades que remata o vindeiro día 04/04/2013 ás 23:59 horas.
[Ler máis]
2.46
630
Os desenvolvedores do software de videoconferencia libre Ekiga veñen de anunciar a pasada semana a nova versión 4.0.1. Esta versión inclúe desenvolvementos e melloras impulsados por parte da Amtega durante o ano 2012 para a súa implantación nas aulas da rede CeMIT.
Co obxectivo de achegar a videoconferencia por software a aquelas aulas que non están dotadas con equipos dedicados de videoconferencia, a Amtega, contou coa colaboración de AGASOL, quen a través da empresa Igalia desenvolveu novas funcionalidades para adecuar Ekiga a estas necesidades docentes das aulas. Grazas a este desenvolvemento, e coa incorporación de Ekiga durante o 2013 como software base no equipamento da rede CeMIT será posible que todas as aulas poidan contar coa funcionalidade de acceder a cursos por videoconferencia.
[Ler máis]
2.5
787 A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) contará a finais de ano cunha análise pormenorizada para poder elaborar un plan de migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Esta medida, enmarcada no Plan de Software Libre da Xunta, é unha das actuacións recollidas no convenio asinado esta mañá entre a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Alejandro Escobar.
Durante os vindeiros meses Agasol realizará un estudo para identificar o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida. Os resultados desta análise, que se prevé ter rematada a finais de ano, determinarán a dimensión e os prazos do plan de migración, que se elaborará en base ao estudo.
[Ler máis]
2.43
529
Un ano despois da súa posta en marcha o MapaTIC.gal ofrece máis de 400 produtos e servizos tecnolóxicos e conta con 178 provedores. O 22,30% das solucións ofrecidas posúen licenzas libres e o 23,40% dos provedores son provedores de servizos en torno a ditas solucións libres.
O Mapa, outros dos servizos que ofrece o Centro Demostrador TIC, é unha plataforma web que ten como obxectivo servir de punto de encontro virtual entre as empresas TIC e as empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas.
O perfil predominante de provedores TIC neste escaparate virtual é o das micropemes, que representan o 52% do total, seguidas das pemes (25%) mentres que a mediana empresa e a gran empresa supoñen un 10% e un 3%, respectivamente. No caso dos demandantes, o sector que solicita máis produtos TIC é o do comercio, seguido do eido da educación a Industria cultural e empresas dos sectores primarios agricultura, pesca e gandaría.
[Ler máis]
2.53
786 Segundo nos informan dende o equipo de tradución de LibreOffice ao galego, a Document Foundation anunciou onte, 7 de febreiro, a publicación da suite ofimática libre coa que a comunidade estivo soñando 12 anos: LibreOffice 4.0
LibreOffice 4.0 é a primeira edición que reflicte os obxectivos establecidos pola comunidade no momento do seu anuncio en setembro de 2010: unha base de código máis limpa e lixeira, un conxunto de funcionalidades melloradas, mellor interoperabilidade e un ecosistema máis diverso e inclusivo.
Entre as novidades desta nova e mellorada versión podemos destacar as melloras no uso en entornos colaborativos grazas á incorporación do estándar CMIS, as melloras na interoperabilidade cos formatos pechados de MsOffice, posibilidade de importar documentos de Microsoft Publisher e Visio así como importantes melloras no rendemento notables na rapidez de apertura de grandes ficheiros. Ademais publícase tamén un aplicativo para dispositivos Android para o control remoto das presentacións (só compatible polo momento para o contorno Linux).
[Ler máis]