Os traballadores autónomos de Galiza poderán pedir axudas para a adquisición de computadores a partir do xoves 9 de outubro. Os equipos informáticos que adquiran, en virtude desta subvención, contarán con ferramentas ofimáticas de Software Libre de xeito gratuíto, con independencia de que dispoñan doutras aplicacións de pago que poidan interesar ao traballador.
Con este propósito a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria fixo entrega previamente ás entidades asinantes de dous CDs cos programas de instalación de Linux e aplicativos de software libre, así como dun DVD con ferramentas de xestión para PEMES. Con isto facilitouse o cumprimento das obrigas por parte dos comercios para a xestión desta liña de axudas.
A subvención, convocada pola Dirección Xeral vai dirixida a traballadores dados de alta no Réxime Especial da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, para os que xa existe unha liña de axudas específica.
A axuda acadará o 45% do investimento, cun límite máximo de 350 euros por solicitante. Non serán subvencionábeis a adquisición de licenzas de software adicional, outros periféricos ou outro tipo de dispositivos distintos do computador.
As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas, e que se pode consultar no DOG deste 8 de outubro.
As persoas traballadoras autónomas que se queiran acoller ás subvencións, deberán presentar na entidade colaboradora a seguinte documentación:
A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado. O prazo de solicitude ábrese o 9 de outubro e seguirá vixente durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto, que son 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Fonte: Sociedade da Información