O pasado día 12 de decembro publicouse a versión 1.2 de LibrePlan, o proxecto anteriormente coñecido como NavalPlan. Dende este momento o proxecto será coñecido como LibrePlan, deixando a marca NavalPlan restrinxida ao seu uso no sector naval como recoñecemento á súa orixe e historia. Os desenvolvedores de LibrePlan, convidan a todos a descubrir todas as súas novidades así como o novo sitio web que acompaña ao nacemento desta nova etapa do proxecto.
LibrePlan foi seleccionado entre os finalistas aos Premio EGANET na categoría Proxecto Empresarial TIC. A gala de entrega dos premios celébrase mañá mércores 21 no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela, nunha gala que comezará ás 12.00h da mañá.
LibrePlan é o novo nome do proxecto NavalPlan, do que xa vos temos falado a raíz da súa presentación por parte de Agasol ás pemes galegas a principios deste ano, como parte das actuacións realizadas no convenio de colaboración coa SXMIT dentro das actuacións do Plan de Acción FLOSS do ano 2011.
NavalPlan naceu en Abril de 2009 co obxectivo de construír unha ferramenta de planificación para o sector auxiliar do naval de Galicia. Foi un proxecto con financiamento público, tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con fondos FEDER, que desenvolveu Igalia en colaboración con Wireless Galicia. Este proxecto concibiuse dende os seus comezos baixo a filosofía de compartición de coñecemento e de colaboración das empresas do sector naval galego. Estas compañías precisaban planificar, monitorizar e controlar o avance dos seus proxectos, e as ferramentas que estaban a empregar non lles cubrían as súas necesidades.
Unha vez rematado o desenvolvemento deste proxecto dirixido ás empresas navais, comprobouse que a ferramenta obtida era un xestor de proxectos xenérico axeitado para o seu uso noutros sectores industriais e mesmo en organizacións e institucións públicas.
A comunidade de desenvolvemento de NavalPlan, firmemente convencida do propósito xeral e da potencialidade da ferramenta para calquera sector, tomou a decisión de mudar de nome ao proxecto cara LibrePlan co ambicioso obxectivo de que se converta no aplicativo web de planificación de proxectos máis importante no mundo do software libre.
As principais novidades que trae LibrePlan 1.2, ademais de por suposto o seu novo nome e portal web, son as seguintes:
Para todos aqueles que desexen coñecer en profundidade LibrePlan, esta completa ferramenta web de planificación de proxectos recomendámoslles percorrer a súa nova web, na que se describen con maior detalle a información do proxecto, todas as súas funcionalidades, así como os servizos ofrecidos en torno a el. Tamén poden ver o vídeo de presentación de LibrePlan na LSWC celebrada os pasados 9 e 10 de novembro en Zaragoza, a documentación e vídeos sobre o uso de LibrePlan, ou mesmo consultar a wiki de documentación técnica do proxecto.
Finalmente tamén é posible probar a demostración en liña e mesmo descargar e instalar LibrePlan.