A Pandora é unha mistura entre un PC e unha consola de xogos. É rápida abondo como para emular moitos outros sistemas, executar un escritorio completo, acceder a Internet con Firefox e mesmo xogar a xogos como o Quake3.
No entanto, é máis pequena ca un netbook. Só é un pouco máis grande ca unha DS de Nintendo. Leva unha impresionante pantalla LCD cunha resolución de 800x480, e ten unha duración de batería de máis de 10 horas.

Pero o máis interesante é probabelmente que a Pandora non é un deseño dunha grande empresa. A Pandora deseñouse segundo as peticións e suxestións de centos de persoas nos foros da gp32x (outra videoconsola portátil). Tras varios meses, esas suxestións afináronse para lograr o que vemos hoxe en día, un dispositivo de man controlado completamente por software de código aberto.
A Pandora executa un sistema operativo de código aberto: basicamente, leva instalado Ångström-Linux con algúns cambios específicos para a Pandora. Todo o código está dispoñíbel en git.openpandora.org para a descarga.
Este prometedor dispositivo conta coas seguintes características técnicas:
Polo momento resulta complicado facerse cun destes aparatos. Como é un proxecto iniciado por un grupo reducido de persoas (e “realmente” aínda non saíu ao público), non se pode comprar en tendas en liña. Tan pronto como se acabe a primeira remesa, aceptaranse pedidos nas páxinas www.gbax.com , shop.gp2x.de ou www.gp2xtr.com. No entanto, aínda quedan unhas poucas Pandoras libres, da primeira remesa (que será de unicamente 4000 unidades), e pódense encargar contactando coa xente do proxecto vía correo electrónico.
Ademais, deberá pagarse por adiantado, pois os cartos que paguemos polo dispositivo empregaranse efectivamente para a construción do trebello.
Sindicación RSS: Novas