RSS enviar por correo-e Imprimir
Enviando o seu voto...
1 2 3 4 5

Informe da tradución ao galego de Gnome 3.2

Publicado por Mancomún
Xoves, 27 de Outubro de 2011

Logotipo de GnomeUn mes despois da publicación da versión final GNOME 3.2 100% en galego grazas ao espectacular traballo de Fran Diéguez e do equipo de tradución de GNOME ao galego, a OSL da USC vén de publicar un completo informe da tradución de GNOME 3.2 ao galego.

Dentro do plan de actuación da OSL da USC figura a colaboración en proxectos de galeguización de software en resposta ao compromiso da oficina e da propia universidade co idioma galego. Así a OSL asigna parte da xornada laboral de Fran Diéguez, como técnico da mesma, a tarefas relacionadas co proxecto de tradución de GNOME ao galego. Froito deste traballo publícase agora este informe.

Estado da tradución de Gnome e proxectos afíns

O informe resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.

Tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do core

O traballo destes últimos 6 meses, dende a publicación da anterior versión, centrouse fundamentalmente en manter ao 100% a tradución das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio. Isto supón non só a tradución das novas cadeas que aparecen coa nova versión, senón tamén a revisión das anteriores en base aos novos consensos terminolóxicos ou estilísticos que a comunidade de localización galega vén acordado no último ano e medio.

A localización do Software libre a calquera idioma nunca debe ser un proceso unilateral senón que antes de introducir ningún cambio é preciso consensualo coa comunidade existente.

É importante destacar que a comunidade de tradución ao galego, aínda que non é moi grande si que ten unha preocupación importante pola corrección das traducións, primando esta á cantidade das mesmas. Por esta razón comezaron a organizarse as Trasnadas, xornadas de traballo dirixidas pola Asociación Trasno, grazas ás que se está elaborando un glosario terminolóxico galego que resolve os históricos erros e dúbidas terminolóxicas.

No informe recóllense os principais consensos terminolóxicos aplicados nesta versión de Gnome.

Incremento da porcentaxe de tradución da documentación

Un paso moi importante que se deu neste período é o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, pasando dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. Isto supón que aos usuarios noveis lles sexa máis doado o uso do escritorio GNOME ao contaren con maior axuda dispoñible no seu idioma. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.

O Proxecto GNOME desde a versión 3.0 está empregando un novo sistema de creación de documentación, denominado «topic-focused», de forma que no lugar de longos manuais de usuario escríbense pequenas guías centradas nun aspecto concreto e específico, que supón a resposta a un erro ou consulta frecuente dos usuarios. Esta nova documentación de Gnome pode consultarse en liña.

Outras actuacións en colaboración coa comunidade de tradución

Dende a OSL organizáronse, en colaboración coa comunidade de tradución, diversos cursos de tradución como o III Fiadeiro de localización de software libre ao galego na USC , onde se traduciron aplicativos extras de Gnome (non pertencentes ao core) ou o curso “Aprende traducindo. Localización de aplicativos ao galego” co que se pretende colaborar ao crecemento da comunidade de tradución.

Están dispoñibles para a súa descarga tanto o informe de tradución, como as memorias de tradución en formato TMX e compendios Gettext, ficheiros orixe por aplicativo e demais recursos.

Fonte: OSL USC

social bookmark now:blogmarksdel.icio.usdigg.comgoogle.comRedditscuttleSpurlstumbleupon.comTechnorati
Sindicación RSS Sindicación RSS: Novas