RSS enviar por correo-e Imprimir
Enviando o seu voto...
1 2 3 4 5

Firefox 4 xa está oficialmente aquí e 100% en galego

Publicado por Mancomún
Mércores, 23 de Marzo de 2011

Firefox 4 xa está aquí!Logo de moitos meses de traballo, finalmente onte á tarde Mozilla lanzou oficialmente o Firefox 4, aínda que xa estaba dispoñible para descarga nos seus servidores dende o día anterior.

Unha vez máis, grazas ao esforzo e traballo constante e voluntario da Comunidade galega de localización de Mozilla, co apoio e colaboración da OSL da USC e do Proxecto Trasno, o galego é unha das 80 linguas nas que está dispoñible o Firefox 4.

Firefox 4, que no momento de redacción desta nova, xa foi descargado por máis de 5,5 millóns de persoas, vén cunha renovada interface con novas característica e unha gran mellora na velocidade ademais de incluír as máis modernas tecnoloxías Web. Neste momento está dispoñible para descarga tanto para Linux como para Windows e Mac en máis de 80 linguas e en breve estará dispoñible tamén para Android e Maemo.

A comunidade galega de localización de Mozilla, logo do traballo dos últimos meses para chegar a ter dispoñible Firefox 4 en galego, está xa a traballar para actualizar a súa páxina web e estreando presenza nas redes sociais como twitter e facebook, ademais por suposto de continuar coa tradución do resto de aplicativos de Mozilla.

Benvida do Firefox 4

Segundo os datos da nota de lanzamento de Mozilla, Firefox 4 é entre dúas e catro veces máis rápido que as versión anteriores. O novo aspecto de Firefox está centrado en destacar o contido web, facendo que a navegación sexa máis doada e eficiente grazas a novas características como as Lapelas de aplicación ou fixas grazas ás que é posible ter unha lapela fixa para aqueles sitios web que visitamos frecuentemente como o Correo web, redes sociais,... Cambiar á lapela que permite moverse a unha lapela xa aberta sen abrir duplicados ou Panorama que permite agrupar lapelas para aforrar tempo na navegación.

Firefox 4 inclúe melloras de seguranza e privacidade da navegación con opcións como “Non quero ser rastreado” e Políticas de seguranza nos contidos que lle dan aos usuarios o control sobre os seus datos persoais e incorpora a funcionalidade Firefox Sync que permite que os usuarios teñan sincronizados o historial de barra de navegación, os marcadores, as lapelas abertas, os contrasinais de acceso, ... entre os computadores e dispositivos móbiles nos que use Firefox se así o desexan. Ademais trae un novo Xestor de complementos que facilita a súa xestión e o descubrimento de entre os centos de complementos e extensións existentes daqueles máis útiles para mellorar a experiencia de navegación do usuario.

Firefox 4 inclúe as máis modernas tecnoloxías Web como por exemplo HTML5, que son a base para a construcións de sorprendentes sitios e aplicativos web. Instale Firefox 4 e comprobe en Web O’ Wonder as incribles experiencias que é posible crear grazas a estas novas tecnoloxías.

En resumo un navegador rápido e moderno que grazas ao traballo altruísta da Comunidade galega de localización de Mozilla permítenos desfrutar dunha navegación áxil e segura en galego.

social bookmark now:blogmarksdel.icio.usdigg.comgoogle.comRedditscuttleSpurlstumbleupon.comTechnorati
Sindicación RSS Sindicación RSS: Novas