Fedora, a versión libre de Red Hat, acaba de sacar a súa nova versión 11, tamén coñecida como Leónidas. Fedora 11 presenta algunhas novidades moi interesantes, como a inclusión do escritorio Sugar, inicialmente creado para o proxecto OLPC. Con este contorno de escritorio, aqueles usuarios que dispoñan dun computador de escasas prestacións, poderán igualmente gozar desta versión de Fedora sen renunciar a ter un bo rendemento do escritorio. Ademais, os que o queiran tamén poderán instalar o escritorio KDE 4.2.2, Xfce 4.6 ou Gnome 2.26.1 (instalado de xeito predeterminado).
Outras das súas novidades son a inclusión de EXT4 como sistema de ficheiros predeterminado (o que mellora en gran medida o rendemento da distribución) e a posibilidade de instalar todos os elementos necesarios para utilizar lectores de pegadas dixitais (que inclúen de serie moitos portátiles actuais) e deste xeito poder iniciar sesión no computador sen ter que escribir o tradicional contrasinal.
Tamén, aproveitando o que será o inminente lanzamento da futura versión de Firefox 3.5, xa se inclúe a versión beta4 de Firefox 3.5, que en breve se actualizará á versión 3.5 RC1 que acaba de saír.
Se queredes instalar directamente o Firefox 3.5 RC1 en galego non tendes máis que descargalo desde a seguinte ligazón:
Sindicación RSS: Novas