Onte, 28 de setembro de 2011 o proxecto GNOME publicou a versión final GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na nova concepción do escritorio GNOME 3.
Unha vez máis, grazas ao espectacular traballo de Fran Diéguez e do equipo de tradución de GNOME ao galego, GNOME 3.2 está dispoñible 100% en galego. Ademais de manter o escritorio integramente en galego, nos últimos tempos veñen adicando un especial esforzo á tradución da documentación, peza clave para facilitar o uso do escritorio aos usuarios noveis, cun espectacular incremento na porcentaxe de documentación dispoñible en galego acadando o 32% fronte ao 10% traducido de hai un ano. Os nosos parabéns e agradecemento a Fran Diéguez e ao resto do equipo que colabora con el nesta espectacular tarefa.
Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.2, esta nova versión chega cargada de melloras e novidades entre as que podemos destacar, entre outras moitas:
GNOME 3.2 espérase que sexa ben recibida polos usuarios e empresas. No anuncio da publicación recóllense algunhas das primeiras impresións: Jim Whitehurst, presidente e CEO de Red Hat, afirmou: "Estou moi feliz de ver que a gran innovación que vimos en GNOME 3.0 segue a madurar a unha taxa tan rápida con 3.2". Juan Conde, Director Xefe de Software Libre na Xunta de Andalucía dixo: "Guadalinex vén contando co Gnome desde o seu inicio. Actualmente, temos 600.000 escritorios implantados en escolas con financiamento público, e agora están a traballar nun novo sistema corporativo baseado no escritorio GNOME 3 chamado GECOS (Guadalinex Standard Corporate Edition) que está deseñado para as tarefas diarias do funcionariado público. GNOME 3 foi un gran cambio para Guadalinex e estou contento de ver que o GNOME 3.2 mellora o soporte CSS e extensión para permitir cambios de interface fácil de usuario. Para un goberno, a accesibilidade é unha obriga e GNOME ofrécea coma ningún outro. Grazas GNOME. "
O código fonte de GNOME 3.2 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír , aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que GNOME 3.2 estea dispoñible a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus provedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME 3 para probalo.