Anualmente, o Plan en materia de Software Libre define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Axenda Dixital 2014.gal.
Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software Libre, na nosa Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade. Subliñar por exemplo o incremento do uso do Software Libre nos equipos dos empregados públicos onde se pasou dun 46% no ano 2009 ata un 94% no 2012. Salientar tamén a importante evolución no uso de software libre tanto nas empresas, onde se pasa de apenas un 33% das empresas que usaban software libre a finais de 2008 ata case un 74% no 2012; como nas empresas do sector TIC que aínda que partían dunha mellor posición, con case un 70% das empresas, tamén presentan unha mellora acadando un 82% das empresas TIC no 2012.
Os resultados obtidos dende o ano 2010 están a ser pois moi satisfactorios, reflectíndose os principais aspectos dos mesmos nos respectivos informes anuais de seguimento do plan de acción en materia de software libre.
Durante o ano 2013 a Xunta de Galicia mantén a súa aposta decidida polo fomento e promoción do Software Libre e dos estándares abertos, considerando tales tecnoloxías como ferramentas de gran valor para avanzar cara un modelo produtivo máis sostible, cara unha sociedade máis competente no ámbito tecnolóxico, e cara unha administración pública máis eficiente e próxima á cidadanía.
O Plan de Acción Software Libre 2013 será un ano máis o motor para continuar o traballo a prol do software libre na nosa Comunidade. Neste Plan non só se materializa a continuidade coas accións dos anos anteriores e o aproveitamento eficaz e eficiente das diversas ferramentas implementadas nestes anos, senón que se promove a transversalidade do software libre aos diferentes proxectos de promoción da sociedade da información dende a AMTEGA, como o CDTIC, o programa de Voluntariado Dixital, a rede CeMIT ...
A colaboración cos axentes do ecosistema do software libre galegos, Asociacións de Usuarios de Software Libre, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, as tres Universidades Galegas, os colexios profesionais, xunto con CENATIC, permite xuntar esforzos e executar unha estratexia global e integradora.
O plan de acción en materia de Software Libre 2013 continuará desenvolvendo as liñas estratéxicas marcadas nos anos anteriores no contexto da Axenda Dixital 2014.gal:
Para a execución destas liñas estratéxicas farase fincapé nas accións e actividades dirixidas a acadar en Galicia un maior uso do Software Libre nos ámbitos da Administración Pública, da Cidadanía e da Empresa.
Para coñecer con maior detalle o alcance das accións promovidas nos plan de acción anuais da Xunta de Galicia está dispoñible para a súa descarga tanto os plan como os informes anuais dende o ano 2010: