A Administración autonómica pode e debe axudar na orientación dos desenvolvementos financiados con fondos públicos cara un mellor aproveitamento dos resultados por parte da cidadanía e do tecido empresarial, motivo polo que dende a Xunta de Galicia se ofrece axuda na coordinación dos diversos axentes que compoñen o ecosistema do FLOSS en Galicia.
Este ecosistema está composto por numerosos axentes promotores e difusores do software libre e de fontes abertas que, dende hai tempo, veñen desenvolvendo unha importante labor, cada un no seu correspondente ámbito de actuación.
Existen actualmente numerosas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), legalmente constituídas como asociacións sen fins de lucro, que contan nos seus estatutos como unha das súas finalidades principais a difusión e promoción do software libre en xeral ou o GNU/Linux en particular dentro do seu ámbito de actuación, así como servir de apoio para os usuarios deste tipo de software.
Estas AGUSL contan xa cunha ampla traxectoria temporal de realización de actividades de promoción e dinamización do FLOSS dentro dos seus respectivos ámbitos xeográficos de actuación, en aras de reducir a fenda dixital e de achegar as vantaxes do FLOSS a distintos sectores da sociedade galega.
Xorden habitualmente nas universidades ou centros de estudos, ou en calquera outro lugar onde un grupo de persoas interesadas no software libre se reúnen e artellan actividades relacionadas con el, como conferencias, xornadas de difusión, cursos, etc.
Constitúen un excelente lugar ao que poden acudir todas aquelas persoas que pretenden achegarse ao mundo do software libre, para pedir axuda ou buscar información. Pero ademais, tamén pretenden ser un punto de encontro para os xa iniciados no software libre, onde calquera é benvido para colaborar e participar das súas actividades así como para axudar aos que acaban de chegar ante as dificultades das súas primeiras experiencias co software libre.
A continuación inclúese o directorio completo de Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre clasificadas polo seu ámbito de actuación.
AGASOL é unha asociación de empresas galegas de software libre que se agrupan para intentar acadar maiores oportunidades de negocio así como para exercer como interlocutores coas distintas Administracións e a sociedade civil galega.
Os seus principais obxectivos son: