1.71
359 Máis de 30 técnicos da USC estanse formando no uso de sistemas de clonación con Clonezilla para mellorar a súa capacitación á hora de realizar as implantacións de arranque dual que a Oficina de Software Libre da USC está a dirixir en coordinación coa Área TIC da USC.

O plan de actuación da OSL para o fomento e difusión do software libre na comunidade universitaria ten como elemento vertebrador a distribución Ubuntu-USC. A través desta distribución, adaptada ás necesidades dos distintos colectivos da USC, a OSL está a crear os alicerces para acadar un despregue efectivo e real do software libre na USC.Nunha primeira fase do plan de implantación a medio prazo, estanse acometendo implantacións de arranque dual nas aulas de informática dos distintos centros, en estreita colaboración coa Área TIC da USC.
Un paso sen dúbida imprescindible para o éxito deste proceso é a adecuada formación aos técnicos informáticos da Área TIC para que adquiran os coñecementos necesarios tanto para xestionar e ofrecer asistencia á distribución de GNU/Linux como para realizar as implantacións de arranque dual.
[Ler máis]
2.19
408
Dende a OSL da USC achégannos os datos de valoración do último dos seus cursos da Universidade de Verán que como colofón da súa acción formativa estival ten tamén unha valoración extraordinaria.
O curso de Deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico tivo moi boa acollida de público pois do total de 50 prazas dispoñibles matriculáronse 48 persoas, das que finalmente só puideron asistir 43 con regularidade.
De igual xeito que aconteceu co curso Aprende traducindo, destaca a alta participación feminina neste curso acadando un 50% de mulleres entre o alumnado. En canto á procedencia dos asistentes maioritariamente eran estudantes da USC residentes no contorno de Santiago de Compostela.
[Ler máis]
2.85
603
A OSL da UDC organiza para os vindeiros días 8 e 9 de novembro unhas Xornadas de Empresa e Software Libre en colaboración con Agasol, Igalia, Corunet, Icarto, Imatia, Quobis, Tagen Ata e Redegal. As xornadas terán lugar na aula de grados da Facultade de Informática da UDC.
Estas xornadas están especialmente dirixidas aos futuros profesionais das TIC da nosa comunidade, aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das xornadas é amosar aos asistentes que o software libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial.
A través das presentacións a cargo de AGASOL, como Asociación de Empresas de Software Libre de Galicia e dos casos de éxito de 7 empresas galegas que incorporan o software libre no seu modelo de negocio, os asistentes poderán obter información de primeira man de como o software libre permite xerar emprego cualificado e de calidade nas empresas galegas, como contribúe á internacionalización e convencelos de que é unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
[Ler máis]
2.59
335
A Rede Galega de Computación de Altas Prestacións, en colaboración coa Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, organiza os días 5, 6 e 7 de outubro en Ourense as Xornadas sobre Computación de Altas Prestacións e Software Libre. As xornadas están dirixidas a todos aqueles que desexen coñecer as posibilidades que permite o Software Libre para desenvolver solucións na área da supercomputación.
No eido da Computación de Altas Prestacións o Software Libre ten unha presencia indiscutible. O 91,20% do TOP500, a lista dos 500 supercomputadores máis potentes do mundo, empregan GNU/Linux como Sistema Operativo. No programa das xornadas poderase comprobar a estratexia de Software Libre de empresas coma BULL, HP, SGI e IBM neste campo. Así mesmo, presentarase o uso de Software Libre no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a experiencias e resultados dos grupos de investigación das Universidades Galegas. Tamén estará presente Karsten Gerloff, Presidente da Free Software Fundation Europe para falar das vantaxes que supón a liberdade que permite o Software Libre.
[Ler máis]
2.52
768
Onte, 28 de setembro de 2011 o proxecto GNOME publicou a versión final GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na nova concepción do escritorio GNOME 3.
Unha vez máis, grazas ao espectacular traballo de Fran Diéguez e do equipo de tradución de GNOME ao galego, GNOME 3.2 está dispoñible 100% en galego. Ademais de manter o escritorio integramente en galego, nos últimos tempos veñen adicando un especial esforzo á tradución da documentación, peza clave para facilitar o uso do escritorio aos usuarios noveis, cun espectacular incremento na porcentaxe de documentación dispoñible en galego acadando o 32% fronte ao 10% traducido de hai un ano. Os nosos parabéns e agradecemento a Fran Diéguez e ao resto do equipo que colabora con el nesta espectacular tarefa.
[Ler máis]
2.35
529
AGASOL a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia, organiza para o vindeiro día 29 de setembro a Xornada software libre no terceiro sector: oportunidades para o desenvolvemento, unha xornada de traballo dirixida fundamentalmente ás asociacións e organizacións do terceiro sector que operan en Galicia, co obxectivo de achegarlles as ferramentas informáticas libres de interese para ofrecer un mellor servizo aos colectivos desfavorecidos.
A economía social ou terceiro sector designa a un eido á marxe dos sectores público e privado, un área de economía e iniciativas solidarias e non lucrativas que en Galicia está representado por unhas 2.000 entidades entre asociacións, fundacións e organizacións relixiosas. Para elas o emprego do software libre representa una oportunidade accesible para superar a fenda dixital e incorporar novas tecnoloxías.
[Ler máis]
2.49
515
Hoxe luns 19 de setembro comeza o ciclo de xornadas formativas provinciais sobre Software Libre dirixidas aos axentes TIC, os profesionais que se ocupan das 89 aulas que integran a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT). Esta primeira xornada ten lugar de 10:00 a 14:00 horas na aula CeMIT de Santiago.
A difusión destas tecnoloxías FLOSS dende a rede CeMIT require da capacitación dos seus Axentes TIC no eido do software libre. Con este obxectivo vanse celebrar no mes de setembro catro xornadas provinciais de introdución ao Software Libre cuxos principais obxectivos son, ver e comprender os aspectos diferenciais das aplicacións Software Libre e software propietario e proporcionar unha visión persoal dos aplicativos de Software Libre e o seu posible uso no entorno laboral, en concreto no ámbito laboral dos responsables das aulas CeMIT.
Aínda que esta proposta está dirixida principalmente aos responsables das aulas CeMIT para que se introduzan no uso dos aplicativos libres, o curso tamén está enfocado a todas aquelas persoas que desexen adquirir información no uso do software libre baixo o sistema operativo Linux.
2.35
637
Con motivo da próxima comisión executiva do Padroado de CENATIC que se celebrará o mércores, 14 de setembro de 2011 na comunidade autónoma de Galicia, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas) organiza unha xornada técnica para presentar o Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC, que terá lugar no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Esta xornada ten por obxectivo reunir a empresas e profesionais do sector TIC de Galicia que desenvolven a súa actividade en diferentes áreas de actuación, tales como hardware, desenvolvemento de aplicacións e prestación de servizos TIC, así como formación de carácter tecnolóxico.
[Ler máis]
1.53
1687 O Máster en Software Libre organizado por Igalia celebrará durante o mes de setembro próximo unhas Xornadas de portas abertas nas que se tratarán temas de diversas áreas relacionadas co Software Libre.
Estas xornadas servirán de colofón á presente edición do Máster e como benvida á V edición do Máster en Software Libre pois un dos obxectivos destas xornadas, ademais de complementar a formación recibida nos módulos do Máster é que sirvan como un punto de encontro de antigos e novos alumnos e como foro de intercambio para profesionais do sector e simpatizantes do mundo do software libre.
Así do 9 ao 24 de setembro de 2011 expertos en diversas áreas e afiliacións participarán en sesións de carácter técnico con formato estilo workshop así como sesións de debates en torno a mesas redondas. Trataranse temas tan diversos como a propiedade intelectual e as patentes, o proxecto gvSIG e a migración a SwL na Comunidade Valenciana, ou historia e modelos de negocio de diferentes empresas, entre outros.
[Ler máis]
1.54
887 A pasada semana o CNTG publicou a valoración e balance do curso académico 2010-2011 que abrangue os tres trimestres lectivos comprendidos entre outubro e xuño.
Durante este período impartíronse un total de 51 cursos intensivos e prácticos que teñen como obxectivo desenvolver, de xeito gratuíto, formación técnica, práctica, especializada e de calidade orientada ao mundo laboral do sector TIC. Destes cursos o 80% ofreceron a posibilidade de realizar de balde un exame de certificación acreditativo do pleno dominio dunha determinada versión dun produto ou metodoloxía.
Do total dos cursos impartidos no pasado curso académico, o 31% dos cursos están relacionados con tecnoloxías libres e de fontes abertas (FLOSS), o 22% relacionado con metodoloxías ou tecnoloxías de traballo que poden ser aplicadas tanto a proxectos libres como privativos (tecnoloxías neutras) e o restante 47% estiveron relacioandos con tecnoloxías privativas.
Estas cifras reflicten a atención ao principio de neutralidade tecnolóxica que rexe as actuacións do centro, cunha lixeira tendencia cara o fomento da formación relacionada con metodoloxías de traballo e tecnoloxías libres xa que pasaron do 49% ao 53% do curso académico 2009-2010 ao 2010-2011 como se pode apreciar na gráfica.
[Ler máis]