Produtos
Anterior
  • DVD PEME

    Mancomún pon a disposición de todos os galegos e galegas un DVD con ferramentas informáticas de código aberto, gratuítas e en galego dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas d...

    Máis información
  • Galinux

    Galinux é un completo sistema operativo de fontes abertas que vén configurado para poder empregar calquera computador compatíbel no noso propio idioma: o galego....

    Máis información
  • Firefox

    O Mozilla Firefox é un navegador web gratuíto, multiplataforma e de código aberto.Xa está dispoñíbel en Galego. Firefox 3 é máis rápido, seguro e lixeiro ca nunca. Con máis de 15 000 me...

    Máis información
  • Openoffice.org

    OpenOffice.org é un conxunto de aplicativos de oficina que inclúe un procesador de textos, folla de cálculo, presentacións, base de datos, debuxo vectorial e outras ferramentas....

    Máis información
  • Thunderbird

    O Mozilla Thunderbird é un cliente de correo libre desenvolvido dentro do proxecto Mozilla.org. Inclúe lector de RSS, cliente de Usenet e filtro antispam, entre outras moitas ferramenta...

    Máis información
Anterior

  • Axudámosche
  • Para a comunidade
  • Empresas
RSS enviar por correo-e Imprimir

ACTUACIÓNS PARA A LOCALIZACIÓN AO GALEGO

Promoveranse iniciativas orientadas á localización de software libre á lingua galega, co propósito de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego. Apoiarase con asesoramento técnico ás distintas actuacións da CII neste eido. Ademais deberán levarse a cabo accións orientadas a facilitar a introdución das TIC na sociedade, con especial atención á PEME, mediante a distribución instalábel de software libre localizado ao galego.

Co obxecto de garantir o retorno do investimento mediante a súa reutilización por parte da comunidade académica e empresarial, promoveranse accións destinadas á elaboración dunha metodoloxía de tradución que acolla a integración dos distintos axentes involucrados nas comunidades de desenvolvemento dos aplicativos respectivos. Esta acción deberá complementarse coa posta en marcha dun sistema de memorias de tradución -que lles permita aos distintos axentes a publicación dos seus pares así como a reutilización dos pares localizados por terceiros-, baseado nos estándares abertos internacionais empregados pola comunidade de profesionais da tradución de textos.

Manterase un servizo para o uso da comunidade de persoas tradutoras de software libre que lles permita a publicación de ficheiros de cadeas de mensaxes así como a súa localización colaborativa, complementándoa coa revisión lingüística.

ACTUACIÓNS PARA DESENVOLVEMENTO

Reforzarase o actual repositorio de software libre e documentación en galego - A Forxa - efectuando accións directas de dinamización nos contornos empresariais e universitarios, estabelecendo medidas de incentivación e recoñecemento.


Apoiarase con asesoramento técnico ás distintas actuacións da CII para o fomento do uso da Forxa como repositorio de referencia para a publicación da documentación e dos proxectos de software resultantes dos procedementos de contratación e subvención promovidos pola Administración pública galega que requiran a liberación do código fonte asociado.


Promoveranse acordos e protocolos, dentro da lexislación vixente, que faciliten a sindicación e compartición dos contidos da Forxa cos repositorios de software libre, así como a súa integración en proxectos globais que teñan propósitos semellantes.

 

ACTUACIÓNS PARA A IMPLANTACIÓN

Deberán poñerse en marcha accións encamiñadas a facilitar e incrementar a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao ámbito empresarial.


Deberase ofrecer un sistema de demostración de aplicativos libres que cubran necesidades críticas para a PEME galega ou que sexan consideradas estratéxicas pola CII, e que actúen como exemplo das posibilidades do software libre.

Estimularase o desenvolvemento de aplicativos capaces de incorporar o galego en dispositivos móbiles ou que faciliten a xeración, acceso e recepción de contidos multimedia.


Manterase actualizado un inventario de empresas fornecedoras de servizos relacionados co software libre, de cara a mellorar a súa visibilidade e poder valorar en todo momento a viabilidade de proxectos para os que se requira o asesoramento.


Promoveranse servizos de traballo colaborativo como wikis, roldas de distribución de correo e semellantes que favorezan a implantación da dinámica de traballo en rede característica do software libre, para o que se empregarán ferramentas de comunicación en rede.

ACTUACIÓNS DE APOIO Á FORMACIÓN

Acometeranse accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software libre, o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre.


No eido da educación regrada, poderán realizarse tarefas de apoio a actividades formativas en colaboración coas entidades e institucións concernidas e por requirimento destas, proporcionándolles asesoramento técnico no deseño da estrutura e contidos dos seus programas ou iniciativas formativas, e orientándoas na escolla das metodoloxías e ferramentas de software máis adecuadas ás súas necesidades.

Elaboraranse materiais de apoio á formación como manuais, guías, ou compilacións instalábeis de software que contribúan a reforzar o uso do software libre nas actividades formativas, ou a incrementar o coñecemento e o nivel formativo de distintos colectivos sociais no uso do software libre.

 

ACTUACIÓNS DE OBSERVACIÓN ESTATÍSTICA

Apoiaranse os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizados polas entidades e institucións galegas competentes, por requirimento destas, co asesoramento técnico necesario para optimizar a definición de indicadores e obxectivos de medición.


Habilitarase un área específica do espazo web para recoller e ofrecer os informes e resultados de prospeccións estatísticas que poidan resultar de interese no eido do software libre.

 

ACTUACIÓNS PARA A DIFUSIÓN

Promoverase a participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede.
Ademais levarase a cabo un labor de difusión empregando con este fin os medios seguintes:

  • Publicación do desenvolvemento e resultados das anteriores actuacións, elaboración de contidos propios e reelaboración de contidos procedentes de fontes externas para a súa visualización a través da web www.mancomun.org
  • Participación en actividades sobre a temática do software libre.
  • Organización de actividades para a difusión de contidos ou ferramentas e para a promoción de iniciativas que resulten de interese específico, así como apoio na organización de actividades consideradas de interese pola CII, relacionadas co software libre.
  • Establecemento ou concertación con outras entidades e asociacións, nomeadamente os grupos de usuarios de linux, de acordos ou convenios, no marco da lexislación vixente, que favorezan unha maior difusión e divulgación das actuación recollidas no presente convenio ou das súas propias ou que promovan a realización de actividades de promoción e difusión do software libre.
  • Realizaranse entrevistas e contidos baseados nas experiencias das empresas galegas do software libre, e manterase unha listaxe de casos de éxito.
  • Manterase unha axenda de actos de ámbito autonómico, estatal e internacional relacionados co software libre.
  • Organizaranse reunións de traballo entre empresas e personalidades sobranceiras da comunidade internacional do software libre coas empresas e asociacións galegas.

OUTRAS ACTUACIÓNS DE ASISTENCIA TÉCNICA

Deberá fornecerse un servizo de asistencia técnica de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese pola CII. Asemade responderase, na medida do posíbel, ás dúbidas e incidencias xeradas polo uso das ferramentas e servizos derivados da execución deste convenio.

Sindicación RSS Sindicación RSS: Novas