1.74
876
A Oficina de Software Libre da UDC organiza o vindeiro día 21 de xullo ás 17:00 unha Install Party de Ubuntu aberta ao público en xeral na Facultade de Informática da UDC. A OSL pretende deste xeito achegarlle á todos os interesados a nova versión do sistema operativo Ubuntu 11.04.
Durante este obradoiro o persoal da OSL axudará e guiará a todos os asistentes a instalar e configurar nos seus portátiles o sistema operativo Ubuntu 11.04 co fin de amosar o sinxelo que é realizar a instalación e a rapidez coa que é posible comezar a desfrutar de todas as súas capacidades e aplicativos, como o navegador web; o xestor de correo electrónico; comunicación nas redes sociais máis estendidas como Facebook, twiter, ...; suite ofimática; xestión e retoque fotográfico; reprodutor de audio e vídeo, xogos, ... e un innumerable conxunto de aplicativos libres, gratuítos e legais dispoñibles para o seu uso a un simple golpe de rato. Ademais nesta ocasión centraranse en explicar e ensinar o novo contorno de escritorio Unity.
[Ler máis]
2.95
978 Hoxe 29 de xuño de 2011, no marco do 12 Fórum Internacional so Software Libre (12FISL), fíxose público o anuncio oficial do Acordo Atlántico a prol do Software Libre e de Fontes Abertas, promovido dende AGASOL, e segundo nos informa Roberto Brenlla, a semente da que naceu este acordo prendeu durante a súa intervención no pasado 11FISL en Porto Alegre.
Este acordo formaliza a colaboración de diversas organizacións empresariais e sociais relacionadas co FLOSS de ambos lados do Atlántico. As asociacións

estiveron ao longo dos últimos meses traballando conxuntamente co fin de establecer acordos e canles de comunicación como paso previo á realización dun Plan de Acción conxunto a executar a ambos lados do Atlántico ao longo dos vindeiros anos. Estas actividades estarán orientadas á xeración e explotación de oportunidades de negocio, así como melloras de carácter social, difusión, apoio e asesoramento en cuestións que incumben a cada unha das entidades implicadas.
[Ler máis]
1.45
877 Este luns 27 de xuño celebrouse o acto de inauguración oficial do Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) presidido polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
O venres 1 de xullo haberá unha xornada de portas abertas para que todas aquelas persoas interesadas en coñecer os servizos e instalacións deste novo Centro poidan acceder a el.
O CDTIC constitúese como un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego para mellorar a súa produtividade e competitividade. Segundo explicou Feijóo no acto de presentación, este centro servirá de “escaparate tecnolóxico” do sector TIC galego e axudará a consolidar unha imaxe de marca propia que favorecerá o seu posicionamento no mercado e a súa internacionalización.
O acto oficial de presentación foi precedido por unha demostración ofrecida pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), na que se amosou a utilidade de diversas ferramentas para o día a día dun establecemento do sector da hostalería. A demostración atraeu a atención e o interese dos asistentes sobre aplicativos como OpenBravo, un ERP ou sistema de información xerencial mediante o que se pode manexar toda a información que xera unha empresa, e Open Pos, un sistema deseñado para xestionar puntos de venda. Ambas ferramentas teñen unha licenza libre, o que abarata o seu custe de adquisición, posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais por empresas galegas facilitando deste xeito que a inversión TIC das nosas pemes xere negocio no propio sector TIC galego convertendo a innovación tecnolóxica en motor económico.
1.73
954 Aberta a web do último dos catro cursos que a OSL da USC organiza na Universidade de verán da USC: Deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico. O prazo de inscrición xa fai días que se abriu (tanto presencialmente como por Internet) e remata o día 26 de agosto de 2011.
Este curso, ao igual que os cursos de Traballo diario con Ubuntu, Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS e Aprende traducindo: Curso de localización de aplicativos ao galego, está aberto ao público en xeral.
O obradoiro está destinado principalmente a aquelas persoas interesadas no deseño e autoedición co computador mediante software libre. Tanto para aquelas persoas que están a comezar como aquelas que xa teñen coñecementos adquiridos noutros aplicativos privativos, xa que así saberán facer o mesmo con software libre e descubrirán as novas posibilidades que ofrecen estas ferramentas.
[Ler máis]
1.29
744
Hoxe en día os equipos médicos avanzados integran sistemas operativos completos e polo tanto están expostos a un número crecente de vulnerabilidades de seguridade e ameazas cibernéticas. Isto ocorre particularmente cando os equipos se conectan a redes de área local dos hospitais e pode resultar que virus, vermes e todo tipo de malware como troianos permitan accesos remotos non autorizados.
Elekta, empresa líder mundial en provisión de sistemas de radiación oncolóxica e neurocirurxía, buscaba unha solución de xestión unificada de ameazas (UTM) para integrar nun novo dispositivo de seguridade para empregar en hospitais para protexer os equipos de tratamento médico contra vulnerabilidades de seguridade e ameazas cibernéticas. O software que buscaban debía ser fiable e amplamente probado pero ademais ofrecer a máxima flexibilidade para adaptarse ás súas necesidades específicas e para resolver os futuros retos. Zentyal resultou cumprir con todos os requisitos ademais de ofrecer uns custes de mantemento reducidos. Así Elekta optou por Zentyal para garantir a seguridade dos equipos de tratamento médico.
[Ler máis]
1.61
1004 O Plan de Acción FLOSS do ano 2011 promovido pola SXMIT da Xunta de Galicia inclúe un capítulo específico para a potenciación dos mecanismos de formación e difusión do FLOSS. Con este obxectivo, en marzo deste ano asinouse un Convenio de colaboración con AGASOL (Asociación Galega de empresas de SOftware Libre) e CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia) para a realización de diversas actividades de difusión e formación para promover o proxecto ABALAR no que, entre outras actuacións, prevíase a elaboración de guías didácticas sobre ferramentas FLOSS do equipamento ABALAR así como a realización de xornadas de formación dirixidas aos docentes dos centros ABALAR.
[Ler máis]
1.49
867
Como vos imos informando estes días, a OSL da USC organiza un total de 4 cursos este ano na Universidade de Verán da USC. Hoxe infórmanos da apertura do prazo de inscrición do terceiro destes cursos, Aprende traducindo: Localización de aplicativos ao galego.
Este obradoiro está aberto ao público en xeral estando dirixido principalmente a aquelas persoas interesadas na tradución de software ao galego. De especial interese para titulados ou alumnos de filoloxía ou informática pois permitiríalles explorar novas liñas de desenvolvemento profesional no sector da tradución e localización de software.
Tamén é recomendable para todas aquelas persoas con coñecementos de informática a nivel usuario, aínda que sexan básicos, e que teñan o galego como a súa lingua habitual, xa que poderían axudar á comunidade de localización na tradución de software libre ao galego. De feito este curso é unha excelente oportunidade para entrar en contacto con esta comunidade xa que os docentes serán os coordinadores dos equipos de tradución ao galego de Mozilla, Gnome, OpenOffice e Ubuntu.
[Ler máis]
1.5
863
A semana pasada informábamos que a asociación Inestable de Ordes organiza este ano o I certame de fotografía Creative Commons, FreeLens, co obxectivo de promover a creación de obras culturais libres tanto a nivel galego como estatal.
Dende onte, xa están dispoñibles as bases oficiais do concurso e está aberto o prazo de envío de obras a concurso. Estas poderanse enviar ben por correo ordinario ao enderezo da asociación ou por correo electrónico á conta freelens @ inestable.org. O prazo remata o 29 de xullo ás 23:59h.
Cada participante poderá enviar ata un máximo de 4 fotografías ao concurso co único requisito de que deben ser obras orixinais súas cunha licenza Creative Commons. As obras poderán ser tratadas previamente por software de retoque fotográfico.
[Ler máis]
1.66
874
Segundo nos informan dende o proxecto galego de LibreOffice, o pasado 16 de xuño a Document Foundation anunciou a dispoñibilidade da suite LibreOffice 3.3.3, unha nova edición da versión máis estable da suite libre de produtividade de oficina, recomendable para grandes entidades ou institucións así como para contornos críticos de produción.
Esta nova versión resolve varios defectos e mellora a seguranza da suite, con especial énfase nas necesidades de implantación en entidades, onde a estabilidade é máis importante que as funcionalidades novidosas. Esta ramificación será sostida ata finais de ano, para permitir unha transición suave e segura á futura versión estable LibreOffice 3.4.x.
[Ler máis]
1.74
1085
A OSL da USC informa que está aberto ata o vindeiro 8 de xullo o prazo de inscrición para o curso da Universidade de verán Traballo diario con Ubuntu. O sistema operativo libre da USC e do proxecto Abalar.
Está aberto ao público en xeral e non require coñecemento previos xa que partirá dende cero. Será de moita utilidade para os alumnos e ex-alumnos da USC que no futuro aspiren a ser profesores en primaria e secundaria na comunidade galega, xa que o proxecto Abalar emprega unha variante deste sistema operativo. Asemade, tamén é un seminario interesante para os profesores que na actualidade participan ou que participarán proximamente no proxecto Abalar.
O seminario é de 20 horas de duración e tramitouse o seu recoñecemento como curso puntuable para o profesorado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estando só pendente da resolución final por parte da administración educativa.
[Ler máis]