RSS enviar por correo-e Imprimir

Mancomún

  • Gnome Nanny un novo aplicativo de control parental

    Publicado por Mancomún
    Mércores, 13 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 1.78
    • Lecturas 278

    Logo de NannyGnome Nanny é un aplicativo de control parental que está a ser desenvolvido por OpenShine para a Junta de Andalucía para incluílo na súa distribución autonómica Guadalinex e que está desenvolverse dentro do proxecto GNOME.

    Gnome Nanny permite controlar dun xeito sinxelo o uso que fan os menores do computador. Inclúe as seguintes funcionalidades:

    • Facilita o filtrado de sitios ou páxinas web que se lles permiten visitar aos distintos usuarios, permitindo descargar listas de sitios non desexables dende a rede.
    • Posibilita a configuración das horas de cada día da semana ou por canto tempo poden facer determinadas actividades os usuarios do equipo como:
      • Empregar o computador.
      • Navegar pola rede.
      • Facer uso do correo electrónico.
      • Utilizar a mensaxería instantánea.
    [Ler máis]
  • Songbird 1.4.3 dispoñible 100% en galego

    Publicado por Mancomún
    Martes, 12 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 1.69
    • Lecturas 590

    Logo de SongbirdOnte mesmo, Carlos Neira coñecido na rede como Calidonia, daba conta na rolda da comunidade de tradución ao galego g11n, que xa estaba dispoñible a tradución ao galego da última versión do Songbird.

    Segundo relata no seu blogue, comezou a facerse cargo das traducións ao galego deste aplicativo alá polo nadal de 2007 e comenta tamén as principais razóns que o levaron a asumir esta tarefa: “A principal era ser o SongBird unha aplicación multiplataforma, capaz de ser executada non só en GNU Linux, o sistema operativo de aplicacións libres máis estendido, senón tamén en Microsoft Windows, de sempre o máis usado, e por suposto en Mac OS. Outro dos motivos que me levaron a pór mans á obra foi o feito de ser unha aplicación Mozilla, cunha nutrida comunidade de desenvolvedores, colaboradores e usuarios atrás. Tamén me axudou a decidirme que, a diferenza das aplicacións de ofimática, no ámbito dos reprodutores multimedia non existía unha aplicación libre dominante, existindo pola contra unha oferta moi diversa pero atomizada.

    Relacionado con este aplicativo, coñecéronse recentemente tamén os detalles do acordo acadado entre a empresa Philips e os desenvolvedores de Songbird, grazas ao cal os reprodutores GoGear de Philips incluirán SongBird de forma predeterminada.

    [Ler máis]
  • Ubuntu 10.04 terá un manual oficial

    Publicado por Mancomún
    Venres, 8 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 2.14
    • Lecturas 543

    Unha das novidades máis destacadas da vindeira versión de Ubuntu LTS 10.04, ademais de vir co escritorio GNOME 2.30 mellor traducido ao galego que nunca, grazas ao esforzo do grupo de tradución ao galego que anunciabamos onte, será a dispoñibilidade dun manual de introdución, en formato PDF, dirixido a todos aqueles usuarios noveis que queiran introducirse no mundo dos sistemas Linux a través de Ubuntu.

    Proxecto manual de UbuntuO proxecto nace coa finalidade de facilitarlle aos novos usuarios do sistema operativo Ubuntu a súa iniciación no uso do mesmo.

     

    Aínda que hoxe en día se dispón dunha gran comunidade e multitude de manuais moi completos e libros, desde a comunidade Ubuntu xustifican este novo manual como o primeiro punto de referencia para un novo usuario de Ubuntu, con toda a información que precisa para comezar a empregarlo satisfactoriamente, nun único ficheiro PDF de fácil lectura e comprensión. Ademais o seu obxectivo é actualizalo con cada nova versión de Ubuntu cada 6 meses.

    [Ler máis]
  • Chamamento para a revisión da tradución de GNOME 2.30

    Publicado por Mancomún
    Xoves, 7 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 2
    • Lecturas 317

    Dende o grupo de tradución de gnome infórmannos que durante a vindeira semana comezará un "bug catching" na tradución ao galego do contorno de escritorio GNOME 2.30 que verá a luz no mes de febreiro.

    A importancia desta intensa revisión que se vai levar a cabo, vén dada principalmente porque GNOME 2.30 será o contorno de escritorio da futura versión de Ubuntu que é unha LTS, ademais de en moitas outras distribucións.

    Para mellorar a calidade da tradución do escritorio da vindeira Ubuntu, o grupo de tradución solicita a colaboración de todos os usuarios para que envien aqueles erros de tradución que poidan atopar en Gnome á rolda de correo gnome@g11.net para que deste xeito poidan ser recollidos e corrixidos se procede.

    Á hora de informar dun erro na tradución de cara a facilitar a súa corrección, cómpre acompañalo da seguinte información:

    • Aplicativo no cal aparece o erro.
    • Forma de chegar a él. (Camiño seguido nos menús, accións realizadas...)
    • Versión da contorna GNOME onde se atopou o erro.
    [Ler máis]
  • O Ministerio de defensa francés usuario convencido e desenvolvedor activo de Thunderbird

    Publicado por Mancomún
    Martes, 5 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 1.94
    • Lecturas 388

    A última versión do aplicativo de correo electrónico Mozilla Thunderbird contén código fonte desenvolvido polos Servizo Militar Francés.

    Thunderbird está instalado en 80.000 computadores do corpo militar francés, e é de uso obrigado.

    A participación do Ministerio de Defensa co aplicativo de correo electrónico libre remóntase a 2006, cando se definiron os requirimentos de seguridade engadida á proporcionada por Mozilla Thunderbird para poder ser empregado polos militares franceses.

    As principais modificacións de seguridade engadidas son a notificación do estado de entrega das mensaxes, a posibilidade de marcar as mensaxes de correo como urxentes e o aumento das opcións para a firma e a seguridade dos correos electrónicos. Un correo electrónico pode ser asinado, cifrado e e logo asinado unha vez máis para obter unha maior seguridade.

    David Ascher, director executivo de Mozilla Messaging, nunha entrevista coa axencia de noticias financeiras Reuters dixo que "estes cambios permítenlles saber con certeza cando foron lidas as mensaxes, o que é crítico nunha organización de control e mando como a militar".

    [Ler máis]
  • A FSFE propón 8 iconas para explicar as licenzas de software libre

    Publicado por Mancomún
    Luns, 4 de Xaneiro de 2010
    • Valoración 3.5
    • Lecturas 316

    Un empregado da FSFE propón un conxunto de 8 iconas para tratar de explicar con elas as licenzas de software libre e axudar así á súa comprensión. A idea xorde das iconas asociadas ás licenzas creative commons.

    Na súa proposta, segundo el mesmo conta, presenta cada licenza como unha colección de iconas, cada unha delas relacionada cunha característica importante da licenza (por exemplo, garante as 4 liberdades ...) Evidentemente trátase só dunha esquematización da licenza para facilitar a comprensión ou comparación entre licenzas semellantes, pero non exclúe da súa lectura completa.

    A continuación incluímos as iconas e un resumo do seu significado:

    • A licenza é recoñecida pola FSF. Cumpre coas 4 liberdades. (Verde cumpre a característica, en gris non a cumpre)
    • Proporciónase acceso ao código fonte independentemente da forma de distribución do software. (p.ex. a distribución en binario tamén proporciona acceso ao código fonte).
    • Deben publicarse os cambios realizados sobre o software.
    • O novo software escrito que empregue as funcionalidades do software con esta licenza deberá ser publicado e manter a mesma licenza.
    • Se o software é accesible pola rede, debe publicarse o seu código.
    • Anti-tivoización. A inclusión do software nun dispositivo en calquera forma, obriga a cumprir coas obrigas da licenza.
    • Contén garantía contra patentes.
    • Contén termos estraños que precisan dunha lectura detida da licenza.
    [Ler máis]
  • Últimos días para inscribirse nos próximos cursos do CNTG

    Publicado por Mancomún
    Mércores, 30 de Decembro de 2009
    • Valoración 2
    • Lecturas 342

    Xa quedan poucos días para inscribirse nos vindeiros cursos que se impartirán no CNTG no primeiro trimestre do ano 2010. O prazo remata o vindeiro día 6 de xaneiro.
    Entre estes cursos, atópanse algúns dos cursos de software libre incluídos na programación do CNTG, dos que xa informamos no seu día.

    Para inscribirse nos cursos é preciso rexistrarse na web do CNTG, logo acceder á ficha do curso dende a sección de formación e cumprimentar o formulario de inscrición correspondente.

    As probas de selección do alumnado destes cursos realizaranse os días 11 e 12 de xaneiro no salón de actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, localizado na rúa Airas Nunes s/n, barrio de Conxo, de Santiago de Compostela. Concretamente:

    Luns 11 de xaneiro de 2010

    • Creación dixital en 3D con Blender - 12:30

    Martes 12 de xaneiro de 2010

    • Administración inicial de sistemas operativos Red Hat Linux - 12:30
    • Administración avanzada de sistemas operativos Red Hat Linux - 16:30
    [Ler máis]
  • No filme Avatar empregaronse máis de 4000 servidores con Linux

    Publicado por Mancomún
    Mércores, 30 de Decembro de 2009
    • Valoración 2.88
    • Lecturas 1030

    AvatarA nova película de James Cameron (director de Titanic e Terminator) é actualmente un dos éxitos que hai na carteleira, como demostra que en só 10 días xa recadara máis de 600 millóns de dólares.

    Unha gran parte deste éxito é debido aos máis de 4.000 servidores Linux que se empregaron na película.

    A película foi creada en gran parte nos estudios neozelandeses de Weta Digital, que co seu centro de datos de máis de 4300 servidores HP Proliant BL2x220c G5 contribuíu a producir os impresionantes efectos especiais e as secuencias visuais.

    Un total de 40.000 procesadores con 104 Terabytes de memoria RAM funcionando as 24 horas do día, procesando de 7 a 8 Gigabytes de datos por segundo e producindo 17,8 Gb por cada minuto de película. Todo nun cluster de Linux que actualmente ocupa o posto 193 do ranking dos 500 supercomputadores máis rápidos do mundo e para o que se tivo que construír un sistema de refrixeración con auga, xa que os sistemas convencionais de pisos elevados de refrixeración por aire non podían controlar a calor que se producía.

    [Ler máis]
  • CENATIC e ASOLIF promoverán o uso e compartición de aplicacións libres nas administracións locais

    Publicado por Mancomún
    Luns, 28 de Decembro de 2009
    • Valoración 2.29
    • Lecturas 328

    CENATIC e ASOLIF asinaron un acordo para a posta en marcha do proxecto ALIAL (Aplicacións Libres para Administracións Locais). Este acordo foi propiciado por Red.es, entidade pública empresarial dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITYC).

    O acordo, que conta cunha achega económica a partes iguais por ambas entidades, ten como obxectivo mellorar a actual dinámica de contratación de tecnoloxía por parte das Administracións Locais, a fin de garantir que sexa técnica, legal e procedimentalmente viable para que os concellos poidan compartir as súas solucións tecnolóxicas. Para iso, debe garantirse que esas solucións son interoperables, seguindo formatos e estándares abertos, accesibles e baseadas en software libre.

    Neste sentido o proxecto ALIAL permitirá asesorar ás administracións locais en materia de licitación e posterior contratación de desenvolvementos de software. Como núcleo da primeira fase deste programa, publicarase unha Guía de Boas Prácticas de Licitación para proxectos de desenvolvemento de software e servizos TIC libres e de código aberto, que poderá ser utilizada por calquera administración local. Así mesmo farase un estudo de todo o software libre dispoñible na actualidade orientado aos concellos, facendo especial fincapé nos de menor tamaño.

    [Ler máis]
  • Coleccións de complementos para dispoñibilizar o Firefox e o Thunderbird en galego

    Publicado por Mancomún
    Luns, 28 de Decembro de 2009
    • Valoración 2.86
    • Lecturas 386

    Firefox e ThunderbirdMediante o formulario de contacto, un usuario da nosa web infórmanos da creación de dúas coleccións de complementos para o Firefox e o Thunderbird que pretenden facilitar a instalación do idioma galego e castelán dentro destes aplicativos.

    As coleccións ademais inclúen tamén cadanseu corrector ortográfico e un selector de idioma integrado, de maneira que unha vez escollido o idioma no selector, poderemos usar o aplicativo nun ou noutro idioma e ao mesmo tempo tes dispoñible a corrección ortográfica.

    Segundo nos conta o usuario: “Nos ordenadores domésticos ou portátiles a cousa está clara: o sistema e as aplicacións instálanse na lingua que o dono escolle,..., pero nos ordenadores de empresa, un mesmo ordenador pode servir a varios usuarios, ou servir a un único usuario pero cambiar de mans. Nestes casos, resulta útil que se poida cambiar a lingua dos programas rapidamente e sen reinstalar.”

    As ligazóns para a descarga das coleccións son as seguintes:

    [Ler máis]
Sindicación RSS Sindicación RSS: Novas