2.59
506
Dende GPUL anuncian que un ano máis comezan a organizar as xa senlleiras Xornadas Libres, que consistirán, coma sempre, nunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software libre, do hardware libre os estándares abertos ou mesmo a cultura libre en xeral.
As XI Xornadas Libres, que están dirixidas a todos os públicos con interese no mundo libre, celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña do 23 ao 27 de abril de 2012.
Co anuncio publicado onte ábrese ata o 7 de abril o período para remitir propostas de charlas ou actividades a través do formulario habilitado na plataforma de xestión de contribucións, previo rexistro no evento.
[Ler máis]
2.69
445
Por cuarto ano consecutivo a comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC desenvolverá o IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de Software Libre en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e co Proxecto Trasno da man de Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice.
Como nas 3 edicións anteriores o obxectivo deste fiadeiro é promover o uso e coñecemento do software libre e da lingua galega na comunidade universitaria da USC a través da localización ao galego de aplicativos libres.
O ETSE está aberto a toda a comunidade universitaria da USC: alumnado, PDI e PAS, e é de carácter gratuíto. Conta con 24 prazas e para todos aqueles interesados xa está aberto o prazo de matriculación ata o vindeiro 15 de abril a través da Secretaría Virtual da USC.
[Ler máis]
2.63
1019
A Xunta de Galicia pon hoxe en marcha o portal Abert@s co obxectivo de facilitar á cidadanía e ás empresas a reutilización da información do sector público, dando un paso máis no cumprimento do principio de transparencia informativa.
Dende hoxe está dispoñible un catálogo inicial de información con 250 conxuntos de datos en formatos abertos e con licenza libre, que se irá completando con outra información de interese público que a Administración galega e os seus organismos continuarán a publicar en formatos abertos e estándar para a súa reutilización por parte de cidadáns e empresas.
Os datos publicados foron xerados pola propia administración e considéranse de gran valor pola súa fiabilidade e calidade xa que ata o de agora non estaban adaptados para ser empregados por terceiros ou ben dispersos. O portal Abert@s é a plataforma de acceso a este catálogo de información pública en formato dixital, debidamente actualizado e de acceso libre. Os documentos están dispoñibles en formatos estándar, abertos e interoperables, en liña coa promoción difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e de fontes abertas que está a impulsar a Xunta a través do Plan Floss.
[Ler máis]
3
533
Os voluntarios do Proxecto Trasno informan que tras moito tempo de preparación finalmente publican os acordos terminolóxicos acadados nas últimas Trasnadas, que forman parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolveu ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.
Durante a Trasnada 11.1, celebrada o pasado 12 de Novembro na cidade de Vigo, discutiuse sobre moitas cuestións terminolóxicas e chegouse a un acordo sobre uns 50 novos termos incluído algún conflitivo, o que sumado aos máis de 80 acordos da Trasnada 11.0 e aos 20 termos da Trasnada 10 supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre.
Os resultados acadados en todas as Trasnadas están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).
[Ler máis]
2.92
582
Segundo os datos do estudo que vén de publicar Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas de CENATIC sobre o Uso do Software Libre nos fogares Españois 2011, o 84% dos internautas españois xa están a usar software libre, cun nivel de satisfacción próximo ao 80%.
A enquisa presentada onte forma parte do Panel de Indicadores sobre Software Libre en España, un proxecto do Observatorio de CENATIC cuxos datos se obteñen segundo estándares europeos, e constitúe o primeiro achegamento estatístico ao ecosistema económico do software libre, en colaboración co Instituto Nacional de Estatística (INE), e o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO). De feito, para a realización desta enquisa contouse cunha mostra panelizada de fogares do propio INTECO, e unha metodoloxía de enquisa online na que participaron 3.050 internautas maiores de 15 anos.
[Ler máis]
2.29
735
As asociacións GALPon, Comunidade O Zulo, Inestable e a Asociación Ociorum de A Coruña organizan a IV noite Drupal & GNU/Linux, que desta volta celebrarase o vindeiro día 24 de marzo no local da Asociación Cultural Ociorum en A Coruña.
As #noitedl xorden en abril de 2011 en Mugardos froito dunha iniciativa conxunta das citadas asociacións. En xullo de 2011 trasladaron a sede cara ao sur, na cidade de Vigo e o pasado decembro de 2011 escolleron Ordes para celebrar a terceira edición. Nesta cuarta edición decidiron ampliar e flexibilizar os horarios así como “abrir” o evento a todos os niveis e persoas interesadas no desenvolvemento web e no software libre.
Esta actividade é de carácter gratuíto, e só precisa de inscrición por motivos organizativos.
[Ler máis]
2.55
551
Como xa anunciamos no seu momento, a edición da GUADEC do ano 2012 vaise celebrar en Galicia, na cidade de A Coruña, cidade que xa acolleu diversos encontros ou hackfests do proxecto GNOME nos últimos 3 anos. Esta edición está a ser organizada por GPUL coa colaboración da asociación Ghandalf, a Universidade da Coruña, e co apoio da Xunta de Galicia, GNOME Hispano e Igalia.
A conferencia terá lugar entre o 26 e o 29 de xullo na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, con días extras adicionais despois para a celebración de hackfests e reunións.
A GUADEC é a conferencia anual da comunidade de GNOME, celebrada en Europa dende o ano 2000. GNOME é o proxecto de Software Libre que produce as interfaces de usuario de moitos dos dispositivos con GNU/Linux, dende ordenadores portátiles ata teléfonos intelixentes, ou equipos multimedia persoais. Trátase pois do acontecemento mundial que reúne ao maior número de persoas involucradas no desenvolvemento de interfaces libres de escritorio ou de usuario móbil.
Dende a organización da GUADEC 2012 agardan reunir a centos de participantes para discutir e dirixir o futuro do proxecto de GNOME. Hoxe mesmo acaban de publicar o chamamento á participación nesta edición da GUADEC. O comité do programa agarda as vosas propostas de participación na GUADEC para contribuír a que este acontecemento se converta nun gran éxito. Son benvidas as contribucións de desenvolvedores, artistas, tradutores, usuarios, representantes do goberno, da educación, do sector empresarial ou calquera outro que comparta o interese no proxecto.
[Ler máis]
2.67
1012 Onte, a Document Foundation anunciou a dispoñibilidade da nova versión da suite ofimática libre LibreOffice 3.5. que achega aos usuarios todas as melloras derivadas da estratexia de desenvolvemento adoptada en Setembro de 2010 cando naceu esta suite ofimática.
E por suposto está dispoñible integramente en galego grazas ao excelente traballo da comunidade de tradución ao galego de LibreOffice coordinada por Antón Méixome.
LibreOffice 3.5 é o resultado do esforzo combinado de desenvolvedores a tempo completo – o maior grupo de desenvolvedores experimentados de OpenOffice.org – e desenvolvedores voluntarios, coordinados polo Engineering Steering Committee. Durante 16 meses, unha media de 80 desenvolvedores foron quen de facer mensualmente 30.000 modificacións ao código, introducindo así novas e interesantes funcionalidades á suite entre as que destacan importantes melloras á hora de importar ficheiros con formatos non estándar provintes de MsOffice.
Ademais a nota da publicación destaca as seguintes funcionalidades:
[Ler máis]
3.14
631 A Free Software Foundation celebra hoxe, día 14 de febreiro, unha campaña internacional para difundir o noso amor polo Software Libre, como xa fixera o ano pasado convertendo o día de San Valentín no día Declara o teu amor polo Software Libre.

A campaña en liña da FSF ten como obxectivo aumentar a sensibilización cara o Software Libre e cara a xente apaixonada que traballa duro detrás del. Trátese de amosarlles que apreciamos o seu traballo.
Por suposto, hai moitas formas de declarar o amor ... estas son só algunhas ideas acerca de como podemos proclamar publicamente o noso amor polo Software Libre:
2.94
851 Hai pouco máis dun ano, informábamosvos sobre GS4Spam, un complemento para a coñecida ferramenta SpamAssasintm desenvolvido por investigadores e empresas galegas co financiamento da Xunta de Galicia, para axudar aos administradores de sistemas na súa loita diaria contra o correo lixo.
Pois unha vez máis o grupo SING volve ser noticia, desta volta da man do seu proxecto Wirebrush4spam, un proxecto con licenza GPLv3 que aplicando técnicas de I+D+i a software xa existente obtén unha nova ferramenta contra o correo lixo, moito máis rápida e efectiva que as actuais do mercado.
“Wirebrush for Spam” é un middleware de filtrado de correo lixo extremadamente efectivo inspirado na tecnoloxía de SpamAssasin. Os investigadores do grupo SING, partindo dunha completa análise do funcionamento de SpamAssasin, o referente neste ámbito, e da identificación dos seus puntos fortes e das súas eivas, desenvolven unha nova ferramenta escribindo o seu código dende cero, integramente en C (non inclúe ningún código perl do SpamAsassin) e implementando unha arquitectura altamente extensible con plugins.
O funcionamento do sistema baséase no uso de regras de filtrado semellantes ás que emprega SpamAssassin mais aplicando unha serie de novos conceptos e ideas co obxectivo de que o filtrado sexa máis rápido e efectivo. Os resultados que están a obter son espectaculares, conseguindo velocidades de clasificación de mensaxes 10 veces superiores aos tempos de SpanAsassin.
[Ler máis]